Os Premios PALCO recoñecen o talento e a profesionalización da industria musical galega

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acolleu este martes, 3 de novembro, a gala da segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que nesta ocasión adoptan o nome de Premios PALCO. A cerimonia, organizada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e os Concertos do Xacobeo, recoñeceu catorce iniciativas e profesionais en diferentes ámbitos do sector musical galego, ademais de entregar tres galardóns directos.
Os premios das categorías xerais foron escollidos por un xurado profesional integrado polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto ás persoas e proxectos gañadores da pasada edición.
Na categoría de Mellor deseño de iluminación, o premio foi para Laura Iturralde e José Faro, polo seu traballo en Gala i Ovidio. O recoñecemento á Mellor implementación de son recaeu en Ricardo Barroso, polo seu traballo con The Rapants, mentres que Global Setup foi distinguida como Mellor produción de servizos.
Olalla Camaño recibiu o galardón á Mellor profesional de produción e Álvaro Creo, de Off Stage, foi recoñecido como Mellor manager. Na categoría de Mellor produción discográfica, o premio foi para Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras polo disco O Cuarto.
As dúas e punto, polo espectáculo Tertúlia, de Fillas de Cassandra, levaron o recoñecemento á Mellor posta en escena. Pola súa banda, Alberto Alfonso, de Art Music Agency, foi distinguido como Mellor promotor ou programador, e EmigraSON recibiu o premio ao Mellor proxecto de comunicación.
O galardón á Mellor identidade visual foi para Zeltia Iglesias, polo seu traballo con Mondra, mentres que AC Fanto Fantini - Osa do Mar obtivo o recoñecemento ao Mellor evento cultural ou musical. Na categoría de Mellor videoclip, os premiados foron Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane polo traballo Non sei como, de The Rapants.
A Sala Rebullón foi distinguida como Mellor espazo musical e Sinsal recibiu o premio ao Mellor proxecto de sustentabilidade.
A estes catorce galardóns sumáronse os premios directos concedidos pola Xunta Directiva de AGEM. The Rapants foron elixidos Artista do Ano 2026, mentres que a Persoa do Ano 2026 foi para a Fundación Paideia. O público, mediante votación popular, escolleu por segundo ano consecutivo o Surfing The Lérez para o Premio á Excelencia na Experiencia do Público 2026.
A gala estivo presentada pola actriz galega e creadora de contidos Carlota Mosquera e rematou cunha sesión musical a cargo de Kris K DJ.
PALCO, un novo punto de encontro para o sector musical
A entrega dos premios marcou o inicio de PALCO, o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebra en Galicia. O encontro continúa este mércores 4 e o xoves 5 de novembro no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago, cunha programación dirixida a compartir coñecementos, dar a coñecer proxectos e favorecer novas conexións e oportunidades profesionais.
A iniciativa, impulsada por AGEM e a Xunta de Galicia, reúne preto de 500 profesionais da industria musical e nace co obxectivo de dar visibilidade ao talento e aos proxectos galegos, reforzar a colaboración entre artistas, empresas, programacións e institucións e contribuír ao desenvolvemento dun sector máis profesional, recoñecido e sostible.