Os premios Redacción Médica distinguen ao HULA e o CIS de Lugo, así como a outras unidades na Coruña, Santiago e Ourense

Gómez Caamaño sinalou que a sanidade galega avanza grazas á implicación dos seus profesionais e á colaboración entre as distintas institucións, asociacións, universidades e centros de investigación
premio-redaccion-medica-hula
29 May 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou o papel colectivo dos profesionais como motor da excelencia do sistema sanitario público da comunidade no transcurso da VI Edición dos premios Redacción Médica á sanidade de Galicia.

O titular da carteira sanitaria, acompañado de membros do equipo directivo do seu departamento, xunto co secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, interveu neste acto no que se recoñeceu publicamente o esforzo, a dedicación e o talento dos profesionais que traballan por seguir mellorando a sanidade galega.

Nesta edición foron premiadas iniciativas vinculadas á enfermería, á farmacia, á atención primaria, á investigación biomédica, á innovación tecnolóxica, á saúde pública, á xestión sanitaria ou á humanización da asistencia o que, para o conselleiro, demostra que a excelencia sanitaria non depende dun único ámbito, senón do traballo coordinado de moitas disciplinas e de moitos profesionais distintos, así como do traballo en equipo.

Ao respecto, Gómez Caamaño puxo en valor o premio ao Hospital Público, concedido ao Lucus Augusti, que este ano celebra o seu 15 aniversario convertido nun auténtico referente para Galicia e España en moitas disciplinas.

Os premios outorgados esta tarde por Redacción Médica á sanidade de Galicia foron os seguintes:

  • Premio Acción Enfermeira: campaña de vacinación contra a gripe e a covid da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
  • Premio Acción Farmacéutica: plataforma para a prescrición de receita electrónica privada da Consellería de Sanidade, Consello de Colexios Médicos de Galicia, Colexios Oficiais de Odontólogos e Estomatólogos, Colexio Oficial de Podólogos e Colexios Oficiais de Farmacéuticos.
  • Premio Campaña ou Acción Sanitaria: Programa Yam de prevención de condutas suicidas da Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Educación.
  • Premio Docencia: Plan Integral de formación en ecografía para médicos en atención primaria da Consellería de Sanidade.
  • Premio Achega Tecnolóxica: nova técnica cirúrxica para o tratamento dalgúns cancros de pel de alto risco do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela; e Laboratorio de Microbioloxía automatizado con IA, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
  • Premio Acción Investigadora: Proxecto de cribado xenómico neonatal Cringenes, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
  • Premio Centro de Atención Primaria: Centro Integral de Saúde de Lugo.
  • Premio Administración Sanitaria: Lei de protección da saúde dos menores e prevención das condutas adictivas da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
  • Premio Acción Médica: Teresa Martínez Remonde, xefa de servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
  • Premio Servizo Hospitalario: Unidade de Ictus do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
  • Premio Hospital Público: Hospital Universitario Lucus Augusti.

"A Sanidade Galega, na vangarda"

Gómez Caamaño sinalou que a sanidade galega avanza grazas á implicación dos seus profesionais e á colaboración entre as distintas institucións, asociacións, universidades e centros de investigación.

O titular de Sanidade tamén referiu como unha das grandes fortalezas da sanidade galega a capacidade para combinar innovación e humanidade, xa que tan importante é incorporar novas tecnoloxías como manter unha atención próxima, accesible e centrada nas persoas.
A sanidade galega na vangarda

Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño dixo que Galicia está a demostrar que quere seguir situándose na vangarda sanitaria e faino reforzando o seu liderado en prevención co calendario de vacinas e o cribado neonatal máis amplo do Estado.

Tamén destacou o impulso a proxectos singulares como o Programa Yam, que aborda desde as contornas escolares a saúde mental en adolescentes; a nova unidade de ictus de Ourense, que acerca respostas sanitarias avanzadas; ou a aposta pola tecnoloxía e a innovación que fai o Hospital Clínico da capital de Galicia co tratamento de cancros de pel.

A estes logros, o conselleiro engadiu as novas ferramentas lexislativas e organizativas como a nova Lei de protección da saúde dos menores e prevención das condutas aditivas, coa que se reforza a prevención e resposta ante os novos riscos sanitarios.

O conselleiro rematou a súa intervención dando os seus parabéns a todos os premiados e finalistas que, co seu traballo, contribúen a fortalecer unha sanidade pública máis moderna e a que Galicia continúe a ser un referente en moitos ámbitos da atención sanitaria.

0.45796418190002