Os sectores de atención social únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Traballadores e traballadoras do sector de formación, protección e de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas, sen resposta pola Xunta de Galiza, para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas usuarias dos distintos servizos. Por iso, esta mañá concentráronse diante da Xunta de Galiza, para presentar o calendario de mobilizacións que desenvolverán nos vindeiros meses, para reclamar a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas que garanta condicións dignas para persoal e persoas usuarias e facer entrega dun escrito dixiro á conselleira no que lle achegaron as súas demandas.
CIG, CUT e SNEP levan anos denunciando a situación, tanto laboral como profesional, das Escolas Infantís 0-3, dos Centros de Protección a Menores e Reforma Xuvenís, das Residencias de Maiores, dos Centros de Día, dos Centros de Noite, das Vivendas Tuteladas e dos Fogares Residenciais, dos Centros de Atención á Diversidade, dos Servizos de Axuda no Fogar, equipos de valoración da discapacidade e dependencia, atención temperá á discapacidade, equipas de protección da infancia. Servizos que o goberno do PP na Xunta ven desmantelando e precarizando con políticas privatizadoras para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis.
Como lembraron na comparecencia, a crise da COVID-19 puxo máis de manifesto que nunca a necesidade de poñer a formación, a protección dos máis vulnerábeis e os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de máis investimento público en servizos de atención ás persoas.
Porén, consideran que é evidente “a ineficacia da prestación de servizos de atención social, na formación, protección e coidados por parte das entidades públicas e privadas”, co desleixo e irresponsabilidade do goberno do PP que seis anos despois segue sen adoptar medidas que garantan unha atención adecuada e de calidade. “Son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento, abusos patronais e importantes niveis de explotación laboral e precariedade”. Unha situación que, advertiron, “teñen unha compoñente de xénero ao seren sectores moi feminizados”.
Tal e como alertaron, os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna. Por iso denunciaron que “non é de recibo que os coidados, a protección, formación e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos”, denunciaron.
Ante esta situación CIG, CUT e SNEP, defenden a xestión directa polas Administracións Públicas de todos os servizos públicos. Exixen que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas deixen de ser unha actividade socialmente pouco valorada e en condicións precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais a prestar pola Administración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal.
Por iso, reclaman a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que atinxa os centros educativos para o ciclo 0-3, que deben encadrarse na Consellaría de Educación; centros de menores tanto de protección como de reforma xuvenís; centros asistenciais e residenciais de maiores; centros de día, centros de noite, vivendas tuteladas e fogares residenciais; centros de atención á discapacidade: asistenciais, de emprego e educativos; SAF e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado, EVO, equipas de menores ou atención temperá á discapacidade, entre outros.
Para todos estes servizos exixen dotación suficiente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos. Unha rede pública na que se integren tamén todos os SAF, para os que exixiron a negociación cos axentes sociais dun convenio colectivo único que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas.
Xunto a isto, demandan, na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, que se priorice a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas xunto coa eliminación de todo tipo de repagamentos na atención formativa, de protección e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.
Consideran imprescindíbel o incremento dos equipos de valoración da discapacidade e dependencia así como dos equipos de protección do menor, para axilizar os trámites, así como o incremento e adecuación dos orzamentos públicos destinados a este fin, ademais dos dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo e á protección á infancia vulnarábel ao despregamento efectivo e áxil da lei da dependencia.
Do mesmo xeito, exixirán a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia e a elaboración de protocolos que garantan a seguridade e a saúde das persoas traballadoras ante calquera situación de violencia no traballo.
As organizacións sindicais teñen acordado priorizar a mellora das condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo mesas de diálogo tanto no ámbito privado, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, como no público, coa Dirección Xeral de Función Pública. Responsabilizan á Xunta de Galiza, concretamente á Consellaría de Política Social, da situación actual e advirten de que a súa negativa a negociar non freará a defensa de melloras como a baixada das ratios, a redución da carga de traballo, máis persoal especializado e salarios dignos e xustos.
Para o día 15 de outubro, ás 11:30 horas, teñen previstas concentracións diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza en Santiago, así como nos centros de traballo ao longo do día; o 14 de novembro, ás 11:00 horas, convocan unha manifestación nacional con saída da Alameda e en decembro, unha concentración no Parlamento o día da presentación e debate dos orzamentos da Xunta para 2027. Ademais se non obteñen resposta da administración e avances abrindo negociacións, non descartan mesmo a convocatoria de folga.