Os senadores do PP reclaman visitar as obras da A-54 para supervisar o seu avance

Barreiro, Balseiro e Serrano piden acceder ao tramo entre Melide Sur e Arzúa Oeste e critican a falta dun calendario para rematar a autovía
PP-A-54
15 Jul 2026

Os senadores do Partido Popular por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, solicitaron á Delegación do Goberno autorización para visitar as obras do tramo Melide Sur–Arzúa Oeste da autovía A-54 co obxectivo de coñecer sobre o terreo o ritmo de execución dos traballos e a situación actual da infraestrutura.

Os populares xustifican a petición polos sucesivos cambios nos prazos anunciados polo Executivo central para completar a conexión por autovía entre Lugo e Santiago. Segundo sinalan, as previsións foron variando desde finais de 2025 ata este verán, sen que na actualidade exista unha data concreta para a entrada en servizo do último tramo pendente.

Na súa solicitude propoñen que a visita se celebre ao longo deste mes de xullo e que conte coa coordinación da dirección facultativa da obra para poder recibir información técnica sobre o desenvolvemento dos traballos.

Os representantes lucenses do PP lembran que a supervisión das actuacións financiadas polo Estado forma parte das funcións de control que desempeñan como membros das Cortes Xerais e aseguran que continuarán reclamando información sobre a evolución desta infraestrutura.

Ademais, avanzan que manterán a presión parlamentaria no Senado para coñecer os motivos das modificacións realizadas no tramo entre Melide e Arzúa e para que o Goberno concrete un novo calendario de execución dunha autovía que consideran estratéxica para mellorar as comunicacións da provincia de Lugo.

0.20727300643921