Os Seráns de Entroido chegan á Rede de Centros Socioculturais cunha proposta festiva para toda a veciñanza

As parroquias da Grixoa e Figueiras abren a programación cunha oferta de música, xogos e gastronomía tradicional. Lamascal e A Gracia acollerán as seguintes citas o 28 de febreiro e o 1 de marzo.
Serans de Entroido-min
24 Feb 2025

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2025 – O Entroido regresa con forza aos Centros Socioculturais do rural compostelán a través do programa “Seráns de Entroido”, unha iniciativa organizada polo departamento de Centros Socioculturais que busca dinamizar as parroquias e promover as tradicións locais. As primeiras celebracións terán lugar mañá nas parroquias da Grixoa e Figueiras, ofrecendo unha xornada repleta de música, xogos, maxia e, por suposto, produtos gastronómicos típicos destas datas.

O Centro Sociocultural da Grixoa dará o pistoletazo de saída ás celebracións ás 13:00 horas, cun evento organizado en colaboración coa Asociación Veciñal Monte Longo. A festa continuará pola tarde no CSC de Figueiras, onde a partir das 19:30 horas, e grazas á participación da A.VV. Nova Xeira, a veciñanza poderá gozar dunha tarde chea de diversión, con cantos tradicionais, xogos populares, actuacións de maxia e unha deliciosa degustación de filloas e outros doces típicos do Entroido.

Lamascal e A Gracia, próximas paradas

O programa de Seráns continuará o vindeiro venres 28 de febreiro no Centro Sociocultural de Lamascal, e proseguirá o sábado 1 de marzo na parroquia da Gracia. Estes encontros manteñen o espírito do Entroido tradicional, creando espazos de encontro interxeracional e fortalecendo os lazos comunitarios.

O departamento de Centros Socioculturais destaca a importancia destes eventos para manter vivas as tradicións e fomentar a participación cidadá, especialmente no rural compostelán. Ademais, os Seráns de Entroido supoñen unha oportunidade perfecta para que persoas de todas as idades compartan experiencias e celebren estas datas festivas nun ambiente de alegría e convivencia.

0.11825704574585