Os socialistas denuncian que 19 das 26 parroquias de máis actividade incendiaria volverón arder en 2025

Carmen Rodríguez Dacosta reprocha ao director xeral de Defensa do Monte que non soubese explicar que diferenza real existe entre unha parroquia declarada prioritaria e outra que non o está
incendio-forestal-vinas
3 Jul 2026

A deputada do Grupo Socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou hoxe á Xunta de non ser capaz de acreditar que as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) reciban un tratamento distinto ao do resto do territorio, pese a que a Lei de montes esixe para elas medidas extraordinarias de prevención. Fíxoo durante a comparecencia do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, na que Dacosta reclamou saber como se planifica, se executa e se avalía a acción preventiva nestas zonas.

A socialista apoiouse nos datos oficiais de 2025, obtidos ao abeiro da Lei de Transparencia, que revelan que 19 das 26 parroquias catalogadas como de máxima actividade incendiaria volveron sufrir incendios, case o 75%. "Case tres de cada catro parroquias nas que a propia Xunta asegura intensificar a vixilancia e aplicar medidas extraordinarias volveron arder", subliñou. Nesas parroquias rexistráronse máis de 80 focos e dous dos maiores incendios da vaga forestal do ano iniciáronse precisamente nelas: Requeixo, en Chandrexa de Queixa, e A Granxa, en Oímbra.

Dacosta lembrou que só cinco das 26 parroquias prioritarias quedaron libres de incendios en 2025 e cuestionou o baile de cifras dos últimos plans: das 40 parroquias identificadas no Pladiga 2024 pasouse a 26 no de 2025, unha redución que o presidente da Xunta presentou como un logro xusto no ano da peor vaga de incendios das últimas décadas, para volver ampliar a listaxe ata 35 no Pladiga 2026. "Que cambiou en tan só un ano, o risco do territorio ou a valoración que facía a propia Xunta?", preguntou.

Prevención que chega tarde

A deputada situou estes datos no marco do que o Grupo Socialista leva meses denunciando na Comisión: faixas secundarias sen limpar antes do 31 de maio, encomendas a SEAGA formalizadas coa campaña xa iniciada e traballos preventivos executándose en plena época de máximo risco. "Non é un problema de planificación, é un problema de execución e de responsabilidade política. A prevención non se mide polos anuncios, mídese polo que hai feito no territorio antes de que empece o lume", afirmou.

Dacosta puxo como exemplo Vilardevós, onde tras os incendios de 2025 o Concello solicitou incluír 22 núcleos como prioritarios e só se aceptaron tres, e denunciou que este ano non se remitiron aos propietarios as comunicacións para limpar as parcelas a tempo, cando as inspeccións remataron en outubro e as cartas deberían enviarse en marzo ou abril. Reprochou tamén que propietarios que contrataron e pagaron a limpeza a SEAGA nas zonas prioritarias chegasen á campaña de máximo risco coas actuacións sen executar. "Cando a Xunta ofrece un servizo público de prevención, cobra por el e non chega a tempo nas zonas de maior risco, o que falla xa non é o propietario. O que falla é o sistema", sinalou.

A deputada rematou reclamando un sistema real de avaliación, con indicadores e cun informe anual que permita coñecer, parroquia por parroquia, as actuacións executadas e os seus resultados. "A prevención non se anuncia. Planifícase, execútase e avalíase. E hoxe quedou demostrado que a Xunta non pode acreditar ningunha desas tres cousas. En prevención, a Consellería do Medio Rural está suspendendo ano tras ano", concluíu.

0.44583296775818