Os traballadores de BorgWarner súmanse ao inicio da folga indefinida contra os incumprimentos de convenio

O cadro de persoal de BorgWarner está a secundar masivamente o inicio da folga indefinida convocada contra os incumprimentos do convenio colectivo e a vulneración do dereito de información ao comité de empresa. As persoas traballadoras aproveitaron a xornada pra desenvolver concentracións diante dos tres centros da compañía en Zamáns, Nigrán e O Porriño. Nestes momentos a representación sindical e a dirección celebran unha xuntanza coa mediación do AGA, polo que dende a parte social agardan que a compañía poña enriba da mesa propostas concretas que permitan desbloquear o conflito.
O paro indefinido deu comezo ás 06:00 horas e rexistrou un seguimento do 100% entre o persoal de produción no centro de traballo de Zamáns, mentres que entre o persoal técnico tivo un impacto do 80%. No centro de O Porriño a folga foi secundada pola totalidade do persoal das quendas de mañá e tarde. Mentres que no novo centro tecnolóxico inaugurado hoxe pola empresa en Porto de Molle (Nigrán) o seguimento foi do 75%.
En consecuencia, a parte social considera que a folga está a ser un éxito “a pesar das presións exercidas pola dirección de BorgWarner, que requiriu a presenza dunha numerosa dotación policial e da propia vixilancia privada, chegando a solicitar en varias ocasións da policía actuacións contrarias ao dereito de folga”.
Nestes momentos estase a celebrar unha xuntanza entre as partes coa mediación do AGA, polo que dende o comité de empresa agardan que a dirección poña enriba da mesa “documentación e propostas efectivas” que permitan desbloquear o conflito.
En concreto, a respecto dos incumprimentos do convenio colectivo e da vulneración do dereito a información e consulta da representación legal das persoas traballadoras, xa que BorgWarner leva 10 meses incumprindo sistematicamente varios aspectos do convenio, incluso os acordos de mediación do AGA derivados das dúas folgas convocadas en outubro de 2025 e marzo de 2026.
Incumprimentos que teñen que ver coa contratación indefinida, co dereito de vacacións para o persoal eventual e co acceso ao rexistro diario de xornada. A empresa négase tamén a aplicar o procedemento interno de reclamacións de categorías e absorbe conceptos salariais pactados e complementos de posto cando se promociona a unha categoría superior, incumprindo o acordado na mediación do AGA.
En canto aos permisos de libre disposición, a representación sindical considera que a actuación por parte da compañía “é moi grave”, ao rexeitar sistematicamente os días de asuntos propios e de non absentismo, “cando o único que se require é avisar previamente mediante formulario por escrito con sete días de antelación”.