Os traballos no encoro dos Peares condicionan as rutas en catamarán polo Miño

Os traballos de mantemento que se realizarán no encoro dos Peares obrigarán a modificar temporalmente as condicións de navegación das rutas en catamarán da Deputación de Lugo polo río Miño. A empresa concesionaria da explotación da Central Hidráulica dos Peares iniciará o vindeiro luns, 12 de outubro, un descenso do nivel da auga que se prolongará entre outubro e decembro.
A baixada está prevista ata alcanzar unha cota mínima de 186,5 metros, o que impedirá inicialmente a navegación desde o embarcadoiro de Belesar Pobo, no Saviñao. Por motivos de seguridade, as viaxes programadas para os días 12, 17 e 18 de outubro non poderán realizarse nas condicións previstas.
As persoas que xa dispoñan de reserva ou prerreserva para esas datas terán a posibilidade de trasladar a súa viaxe á Ruta Fluvial Canón do Sil, con saída desde o embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, sempre que queden prazas dispoñibles.
A situación da ruta polo Miño será revisada nas próximas semanas en función da evolución da cota da auga. Tragsa, empresa concesionaria do servizo provincial, realizará novas comprobacións durante as fins de semana do 24 e 25 de outubro e do 30 de outubro e 1 de novembro para determinar se existen condicións adecuadas para retomar a navegación e adoptar as decisións correspondentes.
As rutas fluviais da Deputación de Lugo ofrecen actualmente dous percorridos pola Ribeira Sacra: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte de Ponte do Sil, e a Ruta Fluvial Cabo do Mundo, con saída desde Belesar Pobo.
A tempada está inicialmente programada ata o 8 de decembro. Durante outubro, a ruta polo Sil funciona de mércores a domingo, con saídas ás 11.30 e ás 16.30 horas no catamarán Mencía. Nas fins de semana engádense tamén saídas ás 11.00 e ás 16.00 horas no Canón do Sil. O percorrido polo Sil dispón de dúas embarcacións cunha capacidade conxunta de 159 prazas, mentres que o catamarán Pelegrín, destinado á ruta polo Miño, conta con 63 prazas.
As persoas interesadas en consultar a situación das rutas ou realizar reservas poden facelo a través da web de reservas da Deputación de Lugo, no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982 26 01 96, dispoñible de luns a domingo entre as 9.00 e as 20.00 horas.