Os turistas internacionais superan aos nacionais nas Rías Baixas por primeira vez na súa historia

A Deputación de Pontevedra confirma que por vez primeira na historia do destino Rías Baixas os visitantes internacionais superan aos nacionais. Os estranxeiros foron o 51% dos turistas que chegaron á provincia en maio, o que supón un incremento do 12% con respecto ao mesmo mes do 2025. Ao respecto, o presidente da Deputación, Luis López, remarcou que “desde que chegamos ao goberno fixamos como obxectivo prioritario no marco da nosa estratexia turística impulsar a internacionalización do destino e a captación de visitantes estranxeiros, redobrando a participación nas feiras internacionais máis importantes do mundo como Berlín, Londres, Lisboa e Madrid. Estes datos revalidan que imos polo bo camiño, que estamos xa a colleitar os froitos dun traballo ben feito”, remarcou o presidente da Deputación Luis López.
En liñas xerais, medrou un 6% o número de visitantes que visitaron Rías Baixas con respecto a maio do pasado ano. A provincia de Pontevedra rexistrou case o 35% dos visitantes que acudiron a Galicia, e un incremento do 2% da ocupación hoteleira con respecto a maio do 2025. Destaca a porcentaxe de ocupación en Sanxenxo, que medrou un 12% con respecto ao ano anterior, e Pontevedra, que superou en máis dun 9% os rexistros de maio do 2025.
No que respecta ao mes de xuño, a oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, rexistrou xa a visita de máis de 2.300 persoas. Entre os visitantes internacionais destacan os alemás, franceses, portugueses e estadounidenses e entre os españois os procedentes de Madrid e Barcelona. A principal motivación para visitar a provincia é o Camiño de Santiago e a oferta de ocio.
Con respecto ao Camiño de Santiago, percorreron algún dos itinerarios que atravesan a provincia de Pontevedra un total de 24.352 peregrinos este mes de xuño, o que supón un 20% máis que o pasado ano. Deles 11.696 fan o Camiño Portugués, 11.483 o Camiño Portugués pola Costa, 762 percorren a Vía da Prata e 276 o Camiño de Inverno. O 80% son estranxeiros e proceden de Estados Unidos, Portugal, Italia e Alemaña.