Os Valuros, máis de tres décadas de música e baile tradicional

A música e o baile tradicional forman parte da identidade de Galicia e, para que sigan vivos, é fundamental o traballo das asociacións culturais que transmiten este patrimonio de xeración en xeración. En Castro de Rei, na comarca da Terra Chá, a asociación Os Valuros leva máis de tres décadas dedicada a esta tarefa, combinando a formación musical, as actuacións e a convivencia entre persoas de diferentes idades. Un proxecto que naceu de maneira modesta e que, co paso dos anos, conseguiu converterse nunha referencia cultural na súa contorna.
A historia da entidade comezou en 1992, cando un grupo de oito nenos e nenas do colexio Ramón Falcón decidiu poñer en marcha unha iniciativa para amenizar as festas escolares. O que inicialmente era unha actividade vinculada ao centro educativo medrou rapidamente e comezou a recibir invitacións para participar en todo tipo de celebracións. Naquel momento non había ningún grupo destas características na zona, polo que a demanda levou a asociación a dar un paso máis: contratar un profesor de música e crear unha escola propia.
A iniciativa, a piques de cumprir os 35 anos, espertou o interese de numerosas familias e o crecemento foi notable chegando a reunir arredor de 60 integrantes. Ben é certo que, ao longo dos anos tamén houbo etapas de maior e menor actividade, marcadas polos cambios vitais dos máis novos. Na actualidade, Os Valuros están formados por 42 persoas de idades moi diversas, desde os cinco ata os 75 anos.
Manter unha asociación cultural durante máis de tres décadas require compromiso, traballo e capacidade para adaptarse aos novos tempos. No caso de Os Valuros, a continuidade explícase, en boa medida, pola implicación das persoas que acompañan o proxecto desde os seus comezos e pola incorporación constante de novos membros.
Ana Cantó, integrante da directiva, destaca que a clave está en conservar o entusiasmo inicial. “Os que levamos os 35 anos seguimos coa mesma ilusión que o primeiro día”, explica. Entre as persoas que continúan vinculadas á entidade desde aquela primeira etapa están ela mesma e o seu fillo, Fran Cupeiro, que cursou estudos superiores de música e exerce como profesor do grupo.
A combinación de experiencia e renovación permite que a asociación siga avanzando. “Todos os anos entra xente nova e, entre os novos e os vellos, imos tirando”, sinala Cantó.
A entidade mantén, ademais, unha filosofía aberta e integradora. Non importa a idade nin é necesario contar con experiencia previa: o importante é ter interese por aprender, participar e gozar da actividade. “No noso grupo teñen cabida todos; non importa a idade, só hai que ter ganas, que che guste aprender a tocar e bailar e pasalo ben”, resume a integrante da directiva.

CHEGANDO A TODA GALICIA
Ao longo da súa traxectoria, a agrupación percorreu numerosos lugares das catro provincias galegas e tamén levou a súa música e os seus bailes a outros puntos da península, como Barcelona, Madrid e Cantabria. A súa presenza chegou mesmo a escenarios internacionais, con viaxes a París, á Bretaña francesa e a Portugal.
Con todo, é na súa propia terra onde a asociación sente unha especial conexión co público. A participación en festas, romarías, xantares veciñais e celebracións de todo tipo converteuse nunha parte esencial da súa actividade. “Estamos moi orgullosos de poder dicir que somos profetas na nosa terra”, afirma Ana Cantó, que destaca a presenza habitual do grupo nos eventos da contorna.
A asociación combina as actuacións cunha actividade formativa centrada na música e no baile tradicional. Pero o traballo non se limita ás actuacións habituais. Ao longo do ano, Os Valuros participan tamén en festivais e organizan saídas e excursións para favorecer a convivencia entre os integrantes. Un exemplo recente foi a viaxe a Madrid para visitar o parque Warner.
A súa traxectoria inclúe, ademais, a publicación dun disco con motivo do 25 aniversario, titulado Valurias. Este traballo supuxo unha maneira de conmemorar os anos de actividade e deixar constancia do labor musical desenvolvido pola agrupación.
Xunto á formación e á difusión cultural, Os Valuros manteñen unha actividade solidaria que os leva a colaborar con diferentes entidades e colectivos da contorna. A asociación realiza ao longo do ano actuacións benéficas en residencias da zona e en Fudace, entre outros lugares.
Segundo explica Ana Cantó, o grupo participa neste tipo de iniciativas en numerosas ocasións, cunha media aproximada de 25 actuacións anuais de carácter benéfico ou social, ademais das restantes actividades e compromisos musicais.
Para esta frenética actividade, Os Valuros contan con subvencións do Concello e da Deputación destinadas, entre outros fins, á adquisición de equipamento, como gaitas, instrumentos de percusión e equipos de son. A entidade tamén destaca a importancia do programa Tradigalu da Deputación, que contribúe á súa sustentabilidade ao facilitar a participación en actuacións remuneradas.
Para a asociación, este respaldo non só beneficia a un grupo concreto, senón que contribúe á conservación e transmisión dun patrimonio cultural compartido.
CONECTADOS COA TERRA CHÁ
O nome da asociación remite tamén á tradición cultural e lendaria da comarca. Os baluros ou valuros aparecen na tradición popular galega como unha comunidade de orixe precristiá vinculada á Balura ou Baluria, na Terra Chá. As referencias sitúan este territorio nunha área que abrangue lugares de concellos como Castro de Rei e Cospeito.
Segundo estas tradicións, os valuros estaban relacionados con relatos lendarios sobre a antiga cidade de Veria, que tería quedado asolagada baixo a lagoa de Cospeito. Estas narracións forman parte do imaxinario popular da comarca e contribúen á riqueza cultural dun territorio no que a tradición oral, as festas e a música seguen a desempeñar un papel destacado.
Cantó tamén chama a atención sobre o papel das familias á hora de achegar os máis novos a estas actividades. “É moi necesaria a implicación das distintas administracións coa nosa cultura, e tamén a dos pais e nais, que son quen teñen o poder de decidir o que queren para o futuro dos seus fillos e fillas”, apunta.