Óscar Doviso, director artístico do OUFF: "Gustaríame que isto fose unha comedia cun final feliz"

Óscar Doviso descubriu o OUFF con 18 anos, como espectador, e hoxe dirixe o festival por segundo ano consecutivo. En plena 31ª edición, que se celebra ata o 4 de outubro, conversa de ti a ti sobre o camiño percorrido, o aprendido o ano pasado, o crecemento do festival e o desexo de proxectar o nome de Ourense na escena audiovisual nacional.
Este é o segundo ano que dirixes o festival. Antes vías o festival como espectador, asistías ou o seguías de preto?
Si, esta é a segunda edición á que estou eu á fronte. O festival vino nacer como espectador con 18 anos. Para min, daquela, como alguén ao que lle gustaban moito as películas, que chegase un festival internacional de cine independente a Ourense era o "no va más". Despois estiven na primeira, na segunda e na terceira edición.
Logo marchei de Ourense durante moitos anos, que estiven vivindo en diferentes lugares e, cando regresei, ademais de estar como espectador, presentei traballos aquí, desde videoclips, curtametraxes, incluso pechei unha das edicións —a 25 edición— coa mediometraxe ‘Luarada’. Teño unha visión desde moitas arestas do festival, como espectador e como profesional, porque me dedico á dirección e á produción audiovisual; entón tamén podo valoralo desde o punto de vista profesional.
E do festival, cal dirías que é o primeiro recordo que tes?
As lonas da rúa do Paseo con todos os carteis de películas que non coñecía de nada. Falo de 1996, onde a única forma de informarte das películas era mercando revistas de cine. Daquela tampouco é que houbese moita cantidade. E despois pola prensa, das estreas. Pero claro, de súpeto había películas que nin sabía que existían. Para min abriuse un mundo novo por descubrir.
Levas practicamente toda a vida dedicándote a isto. Desde que programas o festival, dirías que cambiou a túa percepción ao ver cine?
Non, porque igual que de rapaz me gustaban moitísimo as películas, co paso dos anos comezou a gustarme moito o cine. Que son cousas distintas, aínda que están estreitamente ligadas. Vas acumulando experiencia e visionados, e nese aspecto non cambiou nada. Si que pensei que ao estar involucrado no festival tería moita máis posibilidade de ver moitas máis películas, pero absórbeme tanto tempo que che diría incluso que vexo menos que antes de estar no festival.
Ao final son moitas películas. Cando ves tantas, chega un punto no que quizais poida desbordar?
Si. De todos os xeitos, no festival temos un equipo de visionadores e hai un programador principal, Alberto González Araujo, que é quen verdadeiramente ve todas as películas para facer a escolma, a selección e todo iso. Temos asesores de programación e despois visionadores, co cal non é que eu as vexa todas, senón aquelas nas que me piden a miña opinión.
Por exemplo, todo o que está actualmente no festival véxoo, porque necesito saber que é o que estou presentando, a quen estou presentando, que é o que fixo. E aínda que parece algo obvio, moitas veces non se fai. Entón, igual que me gusta que cando eu vou a un festival cun traballo meu, a persoa que me presente saiba do que fala e do que está presentando, eu intento facer o que me gusta que fagan comigo.
Cando che piden a túa opinión, cústache botar para atrás algunha película? Que criterio empregas para decidir se entra ou non?
Eu dou a miña opinión, pero deixo total liberdade aos programadores, que ademais o fan fantasticamente ben. As seccións oficiais teñen películas incribles, eles loitan por traer estreas tanto nacionais como galegas ao festival. E nesa loita, como outros festivais, eles traballan moitísimo. Eu non me meto no seu traballo, igual que eles non se meten no meu.
Ou sexa, hai bastante respecto.
Si, totalmente. Eu veño do mundo da produción, que é totalmente piramidal. Hai alguén que está arriba e manda sobre os de abaixo e así sucesivamente. Nas grandes estruturas, onde hai moita xente, é a forma correcta de facelo, porque é moi importante saber cal é a función de cada un dentro do festival, precisamente para que non haxa problemas. Ao final é unha convivencia moi intensa, durante bastante tempo.
Vivín rodaxes que son un auténtico inferno, precisamente porque hai xente que non ten moi claro cal é a súa función dentro da rodaxe. Aquí si podo dicir que hai un equipo incrible co que me sinto moi a gusto, que é algo fundamental, porque creo que ademais iso lle chega ao resto.
Tivestes algún susto?
Pois si. Tivemos un susto o ano pasado, por exemplo, nunha das proxeccións dunha película en sección oficial, concretamente a película ‘Entroncamento’. Mira que está todo comprobadísimo, pero cando chegou o seu pase non funcionou o arquivo DCP no cine. Son estes imprevistos aos que non lles podes poñer solución nese momento. E sábenos moi mal, porque ademais viñan os directores desde Lisboa —que non está precisamente aquí ao lado— e chegar ao festival e ver que a súa película non se pode pasar, e que eles xa non van estar no seguinte pase, son cousas que loxicamente nos deixan esa espiña. Pero xa cho digo, nós comprobamos absolutamente todo, e estas son cousas que poden pasar.
Nesta edición hai varias sedes. Como dirías que cambia isto a maneira de vivir o festival?
Nese aspecto nós melloramos moitísimo, porque decatámonos coa experiencia do ano pasado de que era unha loucura que cada sección se proxectase en diferentes sedes: había xente que ía a Panorama Galicia, o primeiro pase era no Teatro Principal, entón pensaba que o segundo tamén era alí, e mandaba alí á súa amiga ou ao seu familiar; e resulta que o segundo pase era noutro sitio. Era moi pouco efectivo. Liabamos a xente, ao público, e liabámonos nós mesmos. Falamos de que hai moitas seccións, cada sección era o primeiro pase aquí, o segundo alí, o terceiro acolá.
Poderíase dicir que era un pouco caótico?
Si, porque de feito aparecía xente no sitio que non era. Sempre tomamos nota absolutamente de todo o que podemos ir mellorando co tempo e, este ano, unha das decisións que tomamos foi que cada sección tivese a súa sede, para que a xente soubese que se vai ver Panorama Galicia é no Teatro Principal, se vai ver Sección Internacional é no Galicine de Ponte Vella, se quere ver Made in OU é no cineclub Padre Feijó, Colleita no Teatro Principal... É dicir, que cada sección teña o seu lugar.
Que dirías que é o que non ve o público e hai máis traballo ou custa máis?
Temos un público que verdadeiramente é moi afín, e atópaste con el en todos os lados. Eu, que vou presentar moitas das películas, faime moita ilusión ver as mesmas persoas que acabo de ver no pase anterior noutro sitio.
Tamén nos axuda moitísimo o Bono 10, porque con dez entradas mercadas obtense o pase a unha película sorpresa o día 8 de outubro. Por exemplo, o ano pasado puxemos a película ‘La voz de Hind’. Foi un luxazo para recompensar e agradecer a esa xente fiel que investiu no festival. Porque ao final dez películas supoñen 40 euros por persoa, entón é unha forma tamén de agradecerllo.
Realmente funciona todo. Non hai unha sección na que diga “jo, que pena, a esta sección non veu case ninguén”, porque si que atopamos un apoio bastante importante de xente. De feito, este ano na Sección Oficial Internacional reducimos o número de películas a competición para ampliar o número de pases, de tres pases a catro por película, porque moita xente quedaba fóra. Agora mesmo, así a bote pronto, creo que todas as seccións teñen bastante afinidade de público.
Hai unha mellora con respecto ao ano pasado?
O ano pasado funcionou tamén moi ben. Ás cifras que deixou a organización anterior, nós aumentamos a asistencia ao festival nun 55%, é dicir, chegamos a case 16.000 persoas no festival. Claro, eu dixen “non esperedes que este ano subamos outro 55%”. Creo que máis ou menos imos estar arredor da mesma cifra. Aínda que xa cho digo, igual levamos unha sorpresa, para ben ou para mal. Pero estimo que está funcionando igual de ben que o ano pasado.
Se o festival fose unha película, que xénero sería e como terminaría?
Gustaríame moito dicirche que comedia e que remata ben. Comedia porque aquí ven un a pasalo ben, non a sufrir. Hai moi bo ambiente, moi bo rollo entre todos os que estamos traballando. Hai moito humor, rímonos moitísimo. Eu tamén dirixo un festival internacional de curtametraxes de comedia. A min gústame moito o humor e que iso se transmita, porque ademais o humor é un fixador de emocións. Ao final, co paso do tempo, o que se lembra é aquel profesor que era simpático, aquela gala na que te riches, aquela película que che fixo chorar de risa. Son momentos que che gusta lembrar. Entón é o que me gustaría, que isto fose unha comedia cun final feliz e que todos o pasemos moi ben, porque para dramas xa está a actualidade.
Tamén que a xente se che achegue e che agradeza a atención, a forma na que nós nos dirixímos ao público, que sempre é moi próxima, de ti a ti. Igual que hai unha pirámide na organización, co público estamos á par. Nós somos público que temos a responsabilidade de sacar un festival adiante, pero non por nós, senón pola cidade. Eu son ourensán, dedícome ao audiovisual e o que quero é deixar un legado. Porque sei que estou de paso, igual que todos os que pasaron, pero que achegamos o noso gran de area para sentirnos todos orgullosos do que temos en Ourense.
Relacionado con isto, que che gustaría que a xente que asistiu a este festival lembrase dentro de dez anos?
Pois un pouco o que che acabo de dicir: a proximidade co festival e que eles formaron parte desa proximidade e desas edicións, e que colaboraron, votaron, viron, entraron en sorteos e formaron parte de cada unha das edicións. Eu sempre me lembro e teño presente o público do festival. Programo e programamos para eles, sobre todo.
E despois cunha visión moito máis ambiciosa quizais do que se tiña ata agora, que é que o OUFF ten que ser un festival nacional que se fai en Galicia e concretamente en Ourense. Porque ás veces quedámonos no localismo e iso ao final lastra a forma na que nos ven desde fóra. E si que agora notamos moitísimos medios de comunicación de fóra de Galicia que piden acreditacións, queren saber do festival, están interesados en saber quen vén, quen estará na alfombra vermella... Iso é algo tamén moi positivo para o festival e para Ourense.