Otero e Mogo reivindican o proxecto socialista fronte a unha dereita que “sacrifica, deroga e desmantela”

Os candidatos do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado por Lugo, Patricia Otero e César Mogo, chamaron hoxe a mobilizar e concentrar o voto progresista no Partido Socialista nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro para conseguir o segundo deputado pola provincia e seguir avanzando en vivenda, salarios, pensións e igualdade. Nun almorzo cos medios de comunicación celebrado no Hotel Méndez Núñez, en Lugo, ambos defenderon o proxecto socialista fronte ao modelo de retroceso que suporía un goberno de ultradereira de PP e Vox.
“Saímos a gañar este 29 de novembro”, afirmou Otero, que situou a elección desta cita electoral entre dous modelos: “dereitas ou dereitos”. A candidata ao Congreso reivindicou que os socialistas se presentan “con ilusión, con proxecto, cos mellores candidatos e candidatas e co mellor líder, o presidente do Goberno”, fronte a unha dereita que “nin sequera ten un proxecto alternativo: o único do que fala é de sacrificar, derogar e desmantelar”.
Otero lembrou que nas eleccións de 2023 o PSOE quedou moi preto de acadar o segundo escano por Lugo e amosouse convencida de conseguilo nesta convocatoria. “Estou segura de que o 29 de novembro Jorge Bustos vai saír elixido deputado e de que a cidade de Lugo vai estar tamén representada no Congreso”, sinalou. Neste sentido, pediu concentrar os apoios no Partido Socialista para que o voto progresista se traduza en escanos e permita contar cun grupo parlamentario máis forte.
A candidata vinculou ese reforzo á capacidade de impulsar novas medidas en vivenda e de continuar avanzando nas pensións e no salario mínimo interprofesional. “Se queremos seguir avanzando en vivenda, chegar máis rápido e máis lonxe, necesitamos un PSOE con máis forza, un grupo parlamentario máis forte”, subliñou.
A socialista cuestionou a quen irían dirixidos os sacrificios anunciados por Feijóo: ”Sacrificios a quen? Imaxinamos que aos de sempre, á clase traballadora, aos pensionistas e á mocidade”. Tamén advertiu de que o PP e Vox falan de derrogar avances como a Lei de memoria democrática, a Lei de eutanasia ou a Lei do aborto, e alertou das súas intencións de privatizar as pensións.
Otero fixo especial fincapé na importancia do voto feminino nesta cita electoral e na defensa do dereito ao aborto. “As mulleres xogámonos moitísimo este 29 de novembro”, sinalou, tras lembrar que o PSOE quixo blindar este dereito na Constitución. “Agora vén o Partido Popular e dinos que quere tocar o dereito ao aborto, un dereito que pensabamos que xa tiñamos conquistado e protexido”, advertiu.
Pola súa banda, César Mogo denunciou os ataques de PP e Vox á chamada Lei de netos e defendeu que a recuperación da nacionalidade responde a unha débeda histórica coa emigración española. “Tiñamos unha débeda pendente coa emigración. Estamos falando de xeracións de Lugo, do Valadouro, de Sober... de calquera parroquia da nosa provincia”, afirmou.
Mogo lembrou as persoas que marcharon ao exterior e perderon a nacionalidade española sen poder transmitírllela aos seus fillos e netos, así como as mulleres que a perderon por casar con persoas doutros países baixo o Código civil franquista. “O que fan o Partido Popular e Vox é non ter límites e converter a emigración en sospeitosa de todo, de cometer fraude electoral. É unha ofensa á memoria dos nosos emigrantes”, denunciou.
O candidato advertiu de que “non son unhas eleccións calquera” porque a dereita e a ultradereita “están recoñecendo abertamente que pactarán”. Neste sentido, contrapuxo os dous proxectos: “O modelo do PSOE é crecer e protexer. O da dereita é liberalizar e desprotexer. Eses son os elementos sobre os que circula o proxecto do consorcio PP-Vox”.
Mogo coincidiu con Otero na importancia de concentrar o voto no PSOE para ampliar a representación por Lugo. “Cada escano vaise xogar en cada circunscrición. Non podemos dispersar o voto progresista: os apoios teñen que estar aglutinados no PSOE”, sostivo. “Non hai razón para desandar un camiño que permitiu avanzar tanto en crecemento, protección e innovación. Un cambio de modelo sería altamente prexudicial para a sociedade española”, concluíu.