Ourense acolle o arranque do Ou Yeah! 2026 cunha xornada que une rock, gastronomía e experiencia sensorial

Expourense abre o 6 de xuño a segunda edición do festival cun cartel interxeracional encabezado por Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis, nun formato que combina música en directo, cociña local e actividades paralelas
Ou-yeah-2026
28 May 2026

A provincia de Ourense prepárase para vivir unha das grandes citas musicais do ano coa posta en marcha da segunda edición do festival Ou Yeah!. O vindeiro sábado 6 de xuño, Expourense converterase no epicentro dunha proposta que aposta por un formato ampliado no que conviven rock, gastronomía de proximidade e unha experiencia cultural pensada para todos os públicos.

Este primeiro gran evento do ciclo 2026 chega tras a boa acollida da edición inaugural e consolídase como unha proposta en expansión que continuará ao longo do verán e o outono con novas paradas no Carballiño, o 31 de xullo, e no Pazo dos Deportes Paco Paz, o 4 de outubro, cun peche de luxo a cargo de Luz Casal.

O cartel do 6 de xuño reflicte a filosofía interxeracional do festival. Encabeza a xornada Loquillo, figura histórica do rock estatal, que chega a Ourense dentro da súa xira “Corazones Legendarios”, na que revisita algúns dos grandes himnos da súa carreira. Xunto a el actuarán The Rapants, un dos nomes máis potentes da nova escena galega, e o trío británico Kitty, Daisy & Lewis, coñecidos polo seu son vintage que mestura blues, soul e rock and roll con producións analóxicas.

A organización destaca que o obxectivo do festival é “manter o rock como eixo central, pero abrindo o foco a diferentes sensibilidades e xeracións”, permitindo que convivan públicos moi diversos nun mesmo espazo cultural.

Para completar a experiencia, DJ DAS será o encargado de manter o ritmo durante toda a xornada, abrindo portas musicais, acompañando os cambios de escenario e pechando a noite cunha sesión final.

Os horarios previstos para o sábado serán: apertura de portas ás 19:30 horas, Kitty, Daisy & Lewis ás 20:20, Loquillo ás 21:50 e The Rapants ás 23:50.

O festival aposta tamén por unha experiencia sensorial completa. En Expourense habilitarase un espazo gastronómico impulsado por Grupo Cuevas e a asociación Cociña Ourense, con propostas elaboradas a partir de produto local e formatos accesibles de alta cociña. Entre as opcións figuran creacións como hamburguesas de boi, focaccias especiais ou receitas con toque de castaña afumada, incluíndo alternativas veganas e para alérxenos.

Segundo a organización, o obxectivo é que o público viva o festival como unha experiencia global na que música, sabor e comodidade convivan nun mesmo espazo. “Queremos recuperar esa sensación íntima de escoitar música en directo nun ambiente cómodo, sen masificacións, e compartindo unha noite especial”, sinalan.

O Ou Yeah! 2026 está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio institucional da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño.

As entradas están dispoñibles a partir de 38 euros para Expourense, mentres que o concerto de Luz Casal terá prezos desde 28 euros. O concerto de Burning no Carballiño será de acceso gratuíto.

PROGRAMA

0.33600401878357