Ourense Mellor e Movemento Sumar Galicia concorrerán xuntos ás municipais de Ourense e Barbadás

As dúas organizacións anuncian un espazo político común e fan un chamamento á unidade da esquerda para “botar a Jácome da cidade e ao PP da Deputación”
voto-eleccions-votacion-partido
23 Jul 2026

Ourense Mellor e Movemento Sumar Galicia anunciaron que se presentarán de maneira conxunta ás próximas eleccións municipais nos concellos de Ourense e Barbadás, nun acordo co que pretenden avanzar na creación dun espazo político común de carácter progresista.

As dúas organizacións explican que esta alianza nace coa intención de ofrecer unha alternativa “aberta e plural” e cun proxecto que permita, segundo indican, “botar a Jácome da Alcaldía de Ourense e ao Partido Popular da Deputación”. Ademais, sinalan que o obxectivo é impulsar unha proposta política con capacidade para gobernar e transformar a realidade dos dous municipios.

Ourense Mellor e Movemento Sumar Galicia fan un chamamento á unidade da esquerda ourensá, dirixido tanto ás organizacións políticas e sociais como ás persoas independentes que queiran participar na creación dunha alternativa que definen como “seria, solvente, democrática e comprometida coa maioría social”.

Desde ambas formacións aseguran que “Non queremos unha simple suma de siglas, senón un espazo útil, participativo e aberto á cidadanía, que devolva a dignidade ás institucións e sitúe no centro os problemas reais da xente”.

Entre os eixos que marcarán o proxecto común sitúan o acceso á vivenda, a recuperación da cultura de barrio, a creación dun sistema municipal de saúde mental, o reforzo dos servizos públicos, a recuperación institucional dos concellos, a mobilidade, a igualdade entre as veciñas do rural e da cidade e “a creación de oportunidades para que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida en Ourense e Barbadás”.

As dúas organizacións tamén se dirixen a Esquerda Unida, coa que aseguran manter unha relación positiva, e á que convidan a incorporarse ao proxecto. “A quen agardamos cos brazos abertos, xa que son un piar fundamental para artellar a esquerda na cidade”, sinalan.

O chamamento esténdese igualmente ao resto de organizacións progresistas, colectivos sociais, movementos veciñais e persoas a título individual que compartan os obxectivos da iniciativa.

O proceso de diálogo e elaboración do proxecto desenvolverase nos próximos meses e comezará coa presentación dun documento de puntos básicos do programa, que, segundo indican, se atopa xa nunha fase avanzada. No caso da cidade de Ourense, a persoa que encabezará a candidatura á Alcaldía será escollida en setembro mediante un procedemento acordado polas organizacións e persoas participantes.

0.25382399559021