Ourense mobilizarase este sábado polo dereito á vivenda

Ourense mobilizarase este sábado polo dereito á vivenda
O colectivo Espazo Veciñal Ourense organiza unha manifestación baixo o lema “A vivenda cústanos a vida”, co foco posto no incremento continuado dos prezos dos alugueiros e da compra
O colectivo Espazo Veciñal Ourense (eVou) convoca para este sábado 6 de xuño unha manifestación en defensa do dereito á vivenda, nun contexto de crecente preocupación polo acceso a un fogar digno na cidade e no conxunto de Galicia.
A mobilización sairá ás 20:00 horas desde a sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), na rúa Sáenz Díez, e concluirá na Praza Maior, onde se prevé a lectura de reivindicacións.
Baixo o lema “A vivenda cústanos a vida”, a convocatoria quere poñer o foco no incremento continuado dos prezos dos alugueiros e da compra de vivenda, así como na expansión de pisos destinados ao turismo, factores que, segundo os organizadores, están a dificultar cada vez máis o acceso a unha vivenda estable, especialmente entre a mocidade e os sectores con menos recursos.
As entidades convocantes denuncian que a vivenda está a ser tratada como un produto de investimento, favorecendo a rendibilidade económica de grandes propietarios e fondos, mentres unha parte crecente da poboación afronta situacións de precariedade residencial.
Entre as principais demandas da protesta atópanse a declaración de Ourense como zona tensionada, a limitación dos prezos do alugueiro, a ampliación do parque público de vivenda e medidas máis contundentes contra os desafiuzamentos. Tamén reclaman unha maior regulación das vivendas turísticas e políticas efectivas fronte á especulación inmobiliaria.
A mobilización tamén busca visibilizar a situación de colectivos especialmente vulnerables, como persoas migrantes, mozas e mozos, ou persoas en risco de exclusión residencial, ao tempo que denuncia a situación dos movementos sociais que traballan pola defensa do dereito á vivenda.
Os organizadores fan un chamamento á participación cidadá para encher as rúas de Ourense e reclamar que a vivenda sexa considerada un dereito social básico e non un ben sometido á especulación.