Ourense proba a resposta ante grandes incendios nun simulacro coordinado entre as distintas administración e os servizos de emerxencia

Ourense acolleu este xoves un simulacro de activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga), no que participaron distintas administracións e servizos de emerxencia co obxectivo de avaliar e reforzar a coordinación operativa ante situacións de gran complexidade.
O exercicio iniciou ás 11.00 horas coa simulación de dous incendios forestais simultáneos nos lugares do Casal, no concello de Cortegada, e en Riocaldo, no concello de Lobios. Esta situación provocou a activación do nivel 2 de emerxencia e a constitución dos correspondentes órganos de coordinación e mando, como o Centro de Coordinación Operativa (CECOP) e os Postos de Mando Avanzado (PMA).
Na xornada participaron efectivos da Xunta de Galicia, dos corpos e forzas de seguridade do Estado e da Subdelegación do Goberno en Ourense, que estivo representada no CECOP polo subdelegado, así como por persoal técnico de Protección Civil. Tamén estivo presente a Unidade Militar de Emerxencias (UME), xunto con dispositivos de apoio loxístico e emerxencias sanitarias.
O operativo contou coa intervención de brigadas forestais, unidades especializadas de extinción, grupos de emerxencias supramunicipais, bombeiros de distintos parques, servizos sanitarios do 061 e voluntariado de Protección Civil, ademais de unidades da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica. No marco do simulacro realizáronse tamén tarefas de coordinación operativa, cortes de estradas e emisión de mensaxes de aviso á poboación a través do sistema ‘Es-Alert’.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou que tras a análise da última campaña de incendios “fixemos obviamente unha análise profunda co obxectivo de seguir reforzando o noso dispositivo de prevención e loita contra os incendios forestais e orientalo a este tipo de novos lumes”, caracterizados por unha maior intensidade e capacidade de afectar a núcleos de poboación.
Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, puxo en valor a evolución do dispositivo galego, sinalando que “se falamos só de persoal: case a maioría dos 3.000 integrantes traballa todo o ano e 1/3 fano 9 meses este 2026 por primeira vez, tras un proceso de estabilización continuado no tempo”.
Desde a Subdelegación do Goberno destacouse a importancia destes exercicios conxuntos para mellorar a coordinación entre administracións e organismos estatais e autonómicos, subliñando o papel da cooperación institucional na resposta ante emerxencias de grande escala.
O simulacro, promovido no marco do Peifoga e coordinado coa planificación do Pladiga 2026, permitiu tamén comprobar a operatividade dos sistemas de comunicación, a mobilización de medios e a resposta ante situacións de risco para a poboación, consolidando un modelo de traballo conxunto entre administracións na loita contra os incendios forestais.