Outeiro de Rei celebrará a XVIII Feira de Artesanía con 90 expositores e un amplo programa


Outeiro de Rei xa quenta motores para celebrar o vindeiro 4 de xullo a XVIII edición da súa Feira de Artesanía, unha cita consolidada no calendario estival lucense que volverá reunir arredor de 90 expositores de artesanía e alimentación e que ofrecerá unha intensa programación de actividades ao longo de toda a xornada.
A feira abrirá as súas portas desde primeira hora da mañá e permanecerá activa ata as 21.00 horas, convertendo as rúas da vila nun punto de encontro para artesáns, produtores, visitantes e familias. Os asistentes poderán atopar unha ampla variedade de produtos, desde cerámica, cestería, madeira, xoiería, coiro, instrumentos musicais ou artesanía téxtil, ata mel, queixos, embutidos, chocolates, viños, licores e produtos ecolóxicos de horta.
A programación arrancará ás 10.30 horas coa saída da V Andaina Solidaria do Concello de Outeiro de Rei, organizada pola asociación Somos Unidos por el Cáncer en colaboración co Concello. O percorrido, de seis quilómetros e dificultade baixa, está pensado para a participación de persoas de todas as idades e incluirá un xogo de busca do tesouro para os máis pequenos. Ao remate da actividade haberá un petisco para os participantes e a recadación destinarase integramente aos fins sociais da asociación.
A partir das 12.00 horas comezará oficialmente a actividade feiral coa inauguración acompañada polo grupo tradicional Airiños do Neira de Baralla, que tamén animará as rúas coa súa música durante a mañá. Á mesma hora abrirá as súas portas no Hotel Casas da Fortaleza unha exposición de traxe tradicional galego promovida polo Grupo Etnográfico Traxandaina, unha iniciativa que se complementará con actuacións musicais ao longo do día. Ás 12.15 horas actuará o arpista Iván Garmén, especialista en arpa celta, mentres que ás 19.30 horas será a quenda do grupo tradicional Os Xílgaros de Lugo.
A música continuará ás 13.00 horas coa actuación da Banda Municipal Sons e Soños dos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol diante da Casa Consistorial. Tamén ao mediodía darán comezo numerosas actividades infantís, entre elas obradoiros de maquillaxe, globoflexia, chapas, xogos populares e actividades con paracaídas no Campo de Santa Isabel.
Un dos grandes atractivos da feira será, un ano máis, a presenza de numerosos artesáns realizando demostracións en vivo dos seus oficios. Participarán oleiros de Sober e Buño, o torneiro Prado-Arzúa-Torneados, o canteiro José Calviño Doval, integrantes da asociación Bolboreta Fiandeira e membros de Corazóns Artesáns, entre outros profesionais que amosarán ao público técnicas tradicionais de fiado, macramé, cestería ou bolillos.
Ás 13.00 horas tamén arrancará no Campo de Santa Isabel a tradicional concentración de coches clásicos, así como unha espectacular exhibición de escultura con motoserra a cargo do artista Yosi Fervenza, quen transformará grandes troncos de madeira nun banco escultórico. Xunto a el, os irmáns Joel e Michel realizarán demostracións de corte de precisión con motoserra para a elaboración de táboas e vigas.
No mesmo espazo instalarase ademais un punto de adopción canina coordinado pola empresa Garatuxa, que promoverá a adopción responsable de animais mediante xogos, actividades divulgativas e agasallos para os participantes.
A partir das 13.30 horas os visitantes poderán desfrutar dunha comida popular na carballeira do Campo de Santa Isabel, ben baixo carpa co servizo do Restaurante González ou mediante as tradicionais merendas ao aire libre.
Xa pola tarde, entre as 16.30 e as 19.30 horas, volverán os populares paseos gratuítos en kaiak polo río Miño, guiados polo Club de Piragüismo Cidade de Lugo. A actividade estará aberta a maiores de sete anos que saiban nadar.
A programación familiar continuará ás 17.00 horas coa actuación do espectáculo Máxico Deluxe, de Cayetano Lledó, nas inmediacións da Capela de Santa Isabel. Media hora despois terá lugar unha exhibición de minimotos organizada pola Escola de Motociclismo de Outeiro de Rei, mentres que ás 17.30 horas partirá tamén o tradicional autobús turístico que percorrerá algúns dos principais puntos de interese do municipio, entre eles as Penas de Rodas, a igrexa de Francos, o Salto do Piago e a Casa-Museo Manuel María.
Ás 18.00 horas Airiños do Neira regresará para seguir animando a feira e ás 18.30 horas o mago outeirés David Méndez ofrecerá un novo espectáculo de ilusionismo no atrio da igrexa parroquial. Posteriormente, ás 19.00 horas, celebrarase unha exhibición participativa de tiro con arco dirixida pola Escola Lucense de Tiro con Arco.
A feira culminará cun dos momentos máis esperados da xornada: o sorteo de 30 premios de 50 euros entre os compradores dos distintos postos participantes. O sorteo celebrarase ás 21.30 horas na caseta municipal situada xunto á Casa Consistorial.
Desde o Concello destacan que a feira busca non só impulsar o sector artesanal e os produtores locais, senón tamén dinamizar a economía e promocionar turisticamente o municipio. A xornada rematará xa entrada a noite cunha sesión de fogos artificiais e coas actuacións musicais programadas dentro das Festas de Santa Isabel, poñendo o broche final a unha cita que volverá converter Outeiro de Rei nun referente da artesanía, da cultura popular e do lecer familiar en Galicia.