Palas de Rei converterase en referente do teatro afeccionado coa XXVII Mostra Internacional Teatro no Camiño de Santiago

Compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela-A Mancha, Baleares e Cataluña actuarán entre o 20 de agosto e o 5 de setembro en distintos espazos do municipio
presentacion-Mostra-teatro-internacional-Amador-Palas-de-Rei
13 Aug 2026

Palas de Rei volverá ser punto de encontro para os amantes das artes escénicas coa celebración da XXVII Mostra Internacional de Teatro Amador Teatro no Camiño de Santiago organizada por Metátase Teatro, unha cita xa consolidada no calendario cultural galego que reunirá compañías de diferentes comunidades autónomas entre os días 20 de agosto e 5 de setembro.

A programación foi presentada no Concello de Palas de Rei polo alcalde, Pablo Taboada; o concelleiro de Cultura, Rodrigo González; representantes da organización e integrantes dos grupos Metátese Teatro e Alentía Teatro, entidades impulsoras dun evento que aposta por achegar o teatro afeccionado ao público de todas as idades.

A mostra arrancará o 20 de agosto coa representación de Modo avión, a cargo do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei. Nos días seguintes pasarán polo escenario grupos procedentes de Asturias, Cantabria, Baleares, Cataluña e diferentes puntos de Galicia con propostas que abranguen desde a comedia ata o teatro social e contemporáneo.

Entre as actuacións previstas figuran Fendo amigos, do Grupo de Teatro El Cioyo de Castropol; Verano en diciembre, de Invencible Teatro; El inconveniente, da compañía cántabra Tela Marinera; Muros rotos, de Oreteiro Teatro; Historias para andar e contar, de Alentía Teatro; Menorca poética!, de Ses Garbo Girls; e La dona que va cridar tant que es va buidar, da compañía catalana Q Teatre.

Un dos momentos destacados da programación terá lugar o 28 de agosto coa entrega do IX Premio Garabato á Conservación do Patrimonio, que nesta edición recaerá na Sociedade Galega de Historia Natural en homenaxe a Gabriel Barreiro Toural.

A Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei continúa así reforzando o seu papel como escaparate para o teatro afeccionado e como unha das citas culturais de referencia no Camiño de Santiago durante o verán.

0.38826203346252