PALCO abre as inscricións profesionais para o primeiro punto de encontro da industria musical en Galicia

A iniciativa pretende tamén reforzar a presenza da música galega, abrir novas redes e espazos de traballo conxunto e consolidar Galicia como territorio de creación e industria
festival-palco-santiago
13 Sep 2026

PALCO, o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, abriu este xoves as inscricións profesionais para participar no primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará na comunidade. O evento terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese para o sector.

Organizado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, PALCO nace co obxectivo de dar visibilidade ao talento e aos proxectos musicais galegos, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita en Galicia.

As inscricións permiten acceder á programación no Museo Centro Gaiás, que incluirá mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, presentacións breves ou pitchings e encontros profesionais. Tamén darán acceso ás actuacións da programación artística en diferentes salas de concertos de Santiago de Compostela.

PALCO desenvolverase durante tres días coa intención de converter Santiago nun punto de encontro para a industria musical, principalmente a galega, e facilitar o intercambio de coñecementos, a presentación de proxectos e a creación de novas vías de colaboración.

A iniciativa pretende tamén reforzar a presenza da música galega, abrir novas redes e espazos de traballo conxunto e consolidar Galicia como territorio de creación e industria. Desde a organización destacan a capacidade da música galega para innovar e chegar a novos públicos, así como o papel do tecido profesional, das salas, dos festivais e dos proxectos musicais.

O encontro está codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia e responde, segundo AGEM e a Xunta, á necesidade de crear espazos compartidos, útiles e sostibles pensados desde a propia industria e adaptados ás necesidades do sector.

Toda a información sobre PALCO e sobre a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, está dispoñible en www.palco.gal.

AGEM, creada en 2007, agrupa empresas galegas vinculadas á música ao vivo, entre elas produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas. As entidades asociadas participan na organización de festivais e espectáculos tanto en Galicia como noutros territorios e traballan tamén en mercados internacionais.

Segundo os datos facilitados pola asociación, o impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM supera os 100 millóns de euros, tendo en conta tanto os eventos protagonizados por artistas como os festivais.

0.33991098403931