PALCO pecha a súa primeira edición con máis de 500 profesionais e preto de 600 reunións

A internacionalización, a sustentabilidade económica, a circulación musical, a contratación pública, a profesionalización e as novas formas de relación cos públicos centraron o debate
palco-congreso-santiago
10 Nov 2026

O primeiro encontro profesional da industria musical celebrado en Galicia, PALCO, clausurou a súa primeira edición cun balance positivo tras reunir máis de 500 profesionais en Santiago de Compostela entre os días 3 e 5 de novembro. A iniciativa, organizada pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, naceu co obxectivo de crear un espazo de conexión, diálogo e colaboración entre os diferentes axentes do sector.

O Museo Gaiás da Cidade da Cultura acolleu as dúas xornadas principais do encontro, os días 4 e 5 de novembro, cunha programación que combinou debates, formación, presentacións de proxectos e reunións profesionais. Un dos resultados máis destacados foi a celebración de preto de 600 encontros rápidos (speed meetings), que facilitaron o contacto entre programadores, promotoras, representantes de artistas, medios de comunicación e outros profesionais.

A programación abordou algúns dos principais desafíos da industria musical, como a internacionalización, a sustentabilidade económica, a profesionalización, a contratación pública, a circulación de artistas e a relación cos públicos. Ademais, celebráronse mesas de traballo e obradoiros para compartir experiencias e buscar novas vías de cooperación.

A música en directo tamén tivo un papel protagonista, con actuacións de 17 bandas e artistas en catro salas de Santiago de Compostela durante as noites do 4 e o 5 de novembro. A programación incluíu propostas galegas e artistas convidados de Portugal e Cataluña.

A primeira edición comezou o 3 de novembro coa celebración dos Premios PALCO na Sala Capitol, unha gala na que se deron a coñecer os proxectos recoñecidos nesta convocatoria.

Desde a organización destacan que o principal obxectivo era reunir os diferentes perfís da industria musical, favorecer novas relacións profesionais e dar visibilidade ao traballo de todas as persoas que forman parte do sector, incluídos os equipos técnicos que traballan detrás dos escenarios.

Tras os resultados desta primeira convocatoria, AGEM confirma a súa intención de dar continuidade ao proxecto en 2027, ampliando a participación e incorporando novos debates e propostas. PALCO nace no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia como unha ferramenta para fortalecer o sector, impulsar o talento e favorecer novas oportunidades para a música feita en Galicia.

1.640781879425