PALCO selecciona os 15 proxectos que participarán na súa primeira edición en Santiago

PALCO, o novo encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, xa ten seleccionados os proxectos que formarán parte da súa primeira edición, prevista do 3 ao 5 de novembro en Santiago de Compostela. A convocatoria artística recibiu 162 propostas, das que finalmente foron escollidas 15 para presentar os seus directos ante artistas e profesionais do sector.
Abril, Amoebo, Antía Muíño, Apolo 18, Catuxa Salom, Galician Army, High Paw, Lisdexia, Lumedoloop, Maricarme, Néboa, Raze, Tona, Vimbio e Xan Campos serán os encargados de amosar a diversidade e o momento creativo da música galega actual. As actuacións desenvolveranse nas salas Capitol, Riquela, Sónar e Salón Teatro, nun formato deseñado para favorecer o contacto entre os proxectos artísticos e os distintos profesionais da industria.
A programación contará tamén cunha dimensión internacional. No marco do acordo entre MIL Lisboa e a Xunta de Galicia, un dos proxectos presentados a PALCO participará este outubro na feira musical portuguesa, mentres que un proxecto procedente de Portugal será incluído na programación artística do encontro compostelán.
A iniciativa, organizada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, nace coa intención de converterse nun punto de encontro para o sector musical galego, dando visibilidade aos artistas, facilitando a conexión entre empresas, programadores e institucións e creando novas oportunidades de colaboración. PALCO desenvolverase na Cidade da Cultura e noutros espazos da cidade vinculados á actividade musical.
Presentacións profesionais e Premios PALCO
Ademais dos concertos, a programación incluirá presentacións breves ou pitchings de propostas relacionadas coa industria musical. A convocatoria permanecerá aberta ata o 10 de setembro e busca facilitar novos contactos, colaboracións e oportunidades profesionais.
PALCO acollerá tamén a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que pasan a denominarse Premios PALCO. A entrega terá lugar o martes 3 de novembro na Sala Capitol de Santiago e servirá para recoñecer traxectorias, proxectos e iniciativas vinculadas á creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego. A organización presenta PALCO como un espazo pensado para compartir coñecemento, establecer relacións profesionais e impulsar novas vías de colaboración, co obxectivo de reforzar Galicia como territorio de creación e industria musical.