Paloma Sas e Jacobo Paz, gañadores do IX Certame de Poesía Torre de Caldaloba

As obras 'Antes da xabre(i)ra' e 'Pulaski' recibirán como recoñecemento a súa publicación, mentres que o primeiro premio está dotado con 1.500 euros
presentacion-premio-poesia-torre-de-caldaloba
18 Nov 2026

O IX Certame de Poesía Torre de Caldaloba xa ten os seus gañadores. Paloma Sas Martínez, coa obra Antes da xabre(i)ra, e Jacobo Paz Limia, con Pulaski, foron os autores seleccionados polo xurado desta convocatoria cultural impulsada polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ.

A proposta de Paloma Sas foi escollida como vencedora entre os arredor de trinta poemarios presentados. O xurado valorou especialmente a súa capacidade para evocar a infancia e recuperar a memoria da terra, así como a riqueza do vocabulario, a recreación dos espazos de convivencia e o emprego de metáforas propias da lingua galega.

A autora, bibliotecaria en Lugo, recibirá 1.500 euros e verá publicada a súa obra, que se converte na protagonista desta novena edición do certame.

Pola súa banda, Jacobo Paz Limia acadou o segundo posto con Pulaski, un poemario no que aborda os incendios forestais en Galicia e as súas consecuencias desde unha perspectiva reflexiva. O xurado salientou a forza das imaxes literarias e a capacidade expresiva do texto, que tamén será publicado.

O acto de entrega dos premios celebrarase este sábado, 21 de novembro, ás 11:00 horas, na biblioteca rural de Pino. A cita reunirá os autores premiados e as entidades organizadoras desta iniciativa, que conta tamén co apoio da Xunta de Galicia.

1.7715609073639