Pantallas Sonoras une música e audiovisual en Burela e estrea o seu concurso de videoclips galegos

O ciclo desenvolverase do 2 ao 5 de setembro con proxeccións, coloquios e concertos e culminará no festival Osa do Mar coa final dun certame que recibiu preto de 100 obras
ciclo-pantallas-sonoras-osa-do-mar-burela-2026
26 Aug 2026

Burela converterase do 2 ao 5 de setembro nun punto de encontro entre música e audiovisual coa celebración dunha nova edición de 'Pantallas Sonoras'. O ciclo, impulsado pola Asociación Cultural Plataforma Ultramar en colaboración co festival Osa do Mar, completa a súa proposta habitual de proxeccións e encontros cunha das principais novidades deste ano: o primeiro Concurso de Videoclips Pantallas Sonoras.

A iniciativa, que conta co apoio do Concello de Burela e da Deputación de Lugo, propón achegarse ao feito musical desde diferentes perspectivas, conectándoo co territorio, a memoria e os procesos de creación contemporánea.

A programación comezará o mércores 2 de setembro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura coa proxección de 'Ao son da nova regueifa' (2025). A produción galega de Undodez aborda a transformación e recuperación da improvisación oral en Galicia. Ao remate celebrarase un coloquio cos directores da obra, Saúl Rivas e o burelao Manolo Maseda.

A actividade continuará o xoves 3, á mesma hora e tamén na Casa da Cultura, con 'Casamance. Banda sonora dunha viaxe' (2016). O documental percorre as raíces musicais de Senegal e aborda a transmisión cultural entre territorios a través do músico Depedro, cabeza de cartel de Osa do Mar 2026, e Ángel Carmona. A directora do filme, Paloma Zapata, participará no encontro posterior coa audiencia.

A xornada do xoves continuará no Barco Museo de Burela, onde o audiovisual dará paso á música en directo cun concerto de Gara Durán e unha posterior sesión DJ a cargo de Anxo Ferreira.

Preto de 100 obras para o primeiro concurso

Un dos principais atractivos da edición chegará o sábado 5 de setembro, ás 12.00 horas, no escenario de Osa do Mar. Alí proxectaranse as pezas finalistas do I Concurso de Videoclips Pantallas Sonoras, unha convocatoria que recibiu preto de 100 traballos na súa primeira edición.

Un total de once proxectos optan aos galardóns: 'MANIFIESTO R', de choromicas; 'Insolación', de Fillas de Cassandra; 'Ontes fun moi malo', de Grande Amore; 'TASTE', de hydn; 'RÉQUIEM', de Jade4; 'Cuidado', de Laura LaMontagne; 'Ferido', de O Xoán; 'A tarde ceiba', de Pantis; 'Tesela Azul', de Sacoga; 'Non Sei Como', de The Rapants; e 'SEGUIREI PERDENDO', de Willow GHZ. Cinco das obras seleccionadas corresponden a artistas ou realizadores lucenses.

Durante a sesión, o público poderá votar en directo polo seu videoclip favorito. Ao finalizar as proxeccións daranse a coñecer os gañadores e entregaranse os galardóns, deseñados polo artesán burelao Martín Lestao.

O Premio do Xurado Profesional, dotado con 500 euros, será decidido polos cineastas Paloma Zapata e Saúl Rivas e pola xestora e comunicadora musical Sara Roca. Haberá tamén un Premio Fundación Eu Son, elixido por dez usuarios e usuarias da entidade e patrocinado en especie por ABSA, e un Premio do Público, patrocinado en especie por Mariñeiras Daveiga.

Pantallas Sonoras pechará así unha edición coa que Plataforma Ultramar busca consolidar en Burela un espazo de exhibición, reflexión e encontro arredor das conexións entre a creación musical e audiovisual.

PROGRAMA

0.24230718612671