O Festival dos Eidos regresa a Parada do Courel co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos foi onte o escenario da presentación do Festival dos Eidos, iniciativa promovida pola Fundación Uxío Novoneyra. A casa natal do poeta, en Parada do Courel, será o escenario deste encontro os días 29 e 30 de agosto, centrado na súa traxectoria vital e literaria e, en particular, no poemario 'Os Eidos'.
A deputada de Cultura, Iria Castro, e a presidenta da Fundación, Branca Novoneyra, deron a coñecer a programación, que combina recitais de poesía, conversas, música e unha ruta guiada pola memoria democrática da aldea.
Castro destacou que o festival amplifica a labor de divulgación e estudo da obra do poeta que a Fundación desenvolve todo o ano, e valorou a súa contribución á dinamización cultural e social do Courel, así como á proxección da lingua, a literatura e a cultura galegas máis alá das nosas fronteiras, a través de programas de intercambio con outros países europeos.
A xornada comezará ás 9.30 horas coa actividade decana do festival: unha ruta de avistamento de paxaros da man do ornitólogo Xabier Vázquez Pumariño, que unirá os paxaros presentes na obra do poeta cos que se poden escoitar hoxe nos distintos eidos da aldea, como ouriolos, merlos ou gaios.
Ás 12.00 horas, no curral da casa, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer farán unha lectura comentada do libro; ambos os dous foron os encargados da última edición que o propio poeta publicou en vida, o que lle dá un valor especial a esta cita. Á 13.00 horas, Olga Novo e Su Garrido Pombo ofrecerán un recital conxunto na horta.
Pola tarde, ás 17.00 horas, o souto comunal de Parada, coñecido como souto da Rubial, será o marco dunha conversa entre Antón Lopo e Alberto Lema sobre a recente publicación 'Río Grande', editada por Chan da Pólvora. Ás 18.30 horas chegará o recital central do festival, de novo no curral, coas voces de Olalla Cociña Lozano, Xerardo Quintiá, Julieta Valero e Karlotti.
A xornada pecharase coa proposta musical do grupo de psicodelia galega Moura, ás 20.30 horas, seguida de dúas sesións de DJ a cargo de Jas Processor e DJ Tristón, ás 22.00 horas e ás 23.30 horas. Estas actuacións terán lugar na horta, cos montes da Lomba e da Pinza de fondo.
O domingo, Inacio Vilariño guiará, ás 11.00 horas e ás 12.30 horas, unha ruta pola memoria democrática de Parada do Courel a partir da obra de Novoneyra. O poeta, sendo un neno de cinco anos, gardou o segredo de ter agochado na súa casa o seu tío, alcalde pola Fronte Popular, e viviu de preto o pranto polo fusilamento de Manuel de Ribadaira, feito que recolleu no romance dedicado á memoria de todos os represaliados polo franquismo incluído en 'Do Courel a Compostela'.
Todas as actividades do Festival dos Eidos son de balde ata completar o aforo.