Patricia Otero destaca o Abono Único de Transporte como un revulsivo para a mobilidade e o aforro das familias

A deputada do PSdeG-PSOE Patricia Otero destacou este xoves en Lugo a aprobación do novo Abono Único de Transporte por parte do Consello de Ministros, unha medida impulsada polo Goberno de España que permitirá desprazarse por todo o país cunha tarifa plana mensual de 60 euros, reducida a 30 euros para as persoas menores de 26 anos.
Durante a súa intervención diante da Estación de Autobuses de Lugo, Otero subliñou que o novo abono permitirá viaxar por Galicia e polo resto do Estado en servizos de cercanías, media distancia e autobuses de competencia estatal, o que suporá un importante aforro para moitas familias, especialmente para estudantes e persoas que viven no rural.
A deputada socialista cualificou a medida como “moi necesaria” e destacou que contribuirá a unha nova concepción da mobilidade, máis accesible e sostible. Ademais, lembrou que o Goberno central tamén prorrogará os descontos xa vixentes no transporte público, reforzando así o impacto positivo do novo abono.
Otero sinalou que esta iniciativa responde a unha reivindicación histórica do PSdeG, dos seus secretarios xerais e das Xuventudes Socialistas de Galicia, e animou á Xunta de Galicia a sumarse ao Abono Único de Transporte incorporando os servizos da súa competencia, como o transporte interurbano, para ampliar aínda máis os beneficios para a cidadanía.
“Con un único billete pódese viaxar por todo o país, e iso supón unha mellora clara da mobilidade e da igualdade de oportunidades”, afirmou. Neste sentido, incidiu en que a medida contribúe a desmontar os bulos do Partido Popular arredor da Lei de Mobilidade Sostible.
A deputada foi clara ao sinalar que as paradas de autobús están garantidas por lei, especialmente no medio rural. “Non só non se eliminaron paradas, senón que agora quedan blindadas legalmente”, explicou, lembrando que foi o Goberno de España quen asumiu directamente o seu mantemento ante a falta de resposta da Xunta ás propostas de colaboración do Ministerio de Transportes.
Finalmente, Otero avanzou que o novo abono entrará en funcionamento na segunda quincena de xaneiro e definiuno como “un paso máis cara a unha mobilidade máis xusta, máis sostible e máis accesible”.