Patricia Otero pide o apoio do PP na defensa da PAC, a pesca e a cohesión territorial en Europa

Asegurou que, nun contexto no que existe a ameaza dun descenso dos recursos, “é fundamental tecer alianzas” co fin de atallala"
patricia-otero-psoe
30 Jun 2026

A deputada socialista Patricia Otero defendeu hoxe no Congreso a necesidade de “anticiparse e influír nas decisións que se adoitan nas institucións comunitarias” co fin de garantir a continuidade dos fondos europeos. Foi durante o debate na Cámara baixa con Rueda, que hoxe compareceu ante a Comisión Mixta para a Unión Europea, na súa condición de expresidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións, para tratar dous asuntos: o próximo Marco Financeiro Plurianual da UE e o contido da Declaración de Galicia.

Otero asegurou que, nun contexto no que existe a ameaza dun descenso dos recursos, “é fundamental tecer alianzas” co fin de atallala. Tal como recordou, trátase dun recorte que o PP europeo quere impulsar a través da súa maioría tanto na Comisión coma no Europarlamento.

Pola contra, a posición do Goberno de España contra esa medida “é clara”. “Queremos un orzamento diferenciado para a PAC, a pesca e os fondos de cohesión, ademais de suficiente e que, como mínimo, garanta a capacidade actual”, sen renunciar incluso a conseguir que se incremente. “Ademais, non o queremos con cofinanciamento nacional”, explicou a parlamentaria do PSdeG, que lembrou que esa postura conta co respaldo tanto de comunidades coma de organizacións sectoriais.

Por iso, lamentou que “nalgún momento” Rueda quitase o traxe de presidente da delegación española no Comité “para poñerse o presidente da Xunta do PP e criticar os fondos NextGeneration”. “Dixo que o nivel de execución en Galicia ía ser escaso, pero agora non paramos de ver a alcaldes populares inaugurando con cargo a eses fondos”, censurou.

De todas formas, valorou a actual posición de Rueda. “Se non entendín mal, quere que se incremente o orzamento da UE. Non podemos estar máis de acordo. O presidente do Goberno é claro”, afirmou.

Ao fío diso, Otero lanzoulle unha proposta: “Se comparte iso, sería bo que tratase de influír entre os seus colegas europeos, porque son precisamente os que están pedindo menos fondos”. Subliñou, precisamente, a cor política das maiorías tanto da Comisión coma da Eurocámara. Tamén mirou para Madrid: “Se di que a Xunta quere acompañar ao Goberno, ten moito a quen convencer no Grupo Popular e entre os seus deputados galegos”.

“Todos debemos ir xuntos da man nesta negociación difícil, debemos apoiar ao Goberno de España e non torpedear e falar mal do noso país. Por iso non é ao meu grupo ao que ten que convencer, senón ao de Vox, aos seus socios nas comunidades autónomas”, recomendoulle Otero a Rueda.

Pediu tamén que o propio Feijoo se sume “xa” á presión sobre os populares europeos “e que o faga con seriedade, non como o de aprender inglés”.

0.38603806495667