Paula Prado chama ao PP da Coruña a reforzar o traballo municipal de cara ao 2027

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, participou este mércores na Xunta Directiva do Partido Popular da provincia da Coruña, un encontro no que chamou á organización a intensificar o traballo municipal de cara ás eleccións locais de 2027.
Prado pediu aos populares coruñeses consolidar as 42 alcaldías coas que conta actualmente a formación na provincia e traballar para ampliar a súa presenza nos concellos. 'A nosa filosofía debe ser non dar nada por gañado, pero tampouco nada por perdido', sinalou durante a súa intervención.
No encontro tamén participou o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, quen animou á organización a seguir construíndo equipos fortes nos municipios. Segundo indicou, o partido afronta os próximos meses 'con ambición, responsabilidade e ganas de gañar', coa vista posta en presentar proxectos locais centrados na xestión dos recursos públicos e na mellora da calidade de vida da veciñanza.
Calvo destacou a importancia de contar con candidaturas preparadas en cada concello e con persoas vinculadas aos seus municipios. 'Temos o mellor partido, cos mellores alcaldes, voceiros e afiliados, e debemos aproveitar esa fortaleza para chegar a cada recuncho da provincia cun proxecto ilusionante e próximo', afirmou.
Durante a súa intervención, Prado tamén criticou a posición de PSOE e BNG en asuntos como a AP-9 ou a política estatal de vivenda, ao tempo que defendeu a xestión do Goberno galego en ámbitos como a vivenda, a sanidade, a educación ou a industria.
O presidente provincial concluíu que o PP traballará nos próximos meses para ofrecer unha alternativa sólida nos concellos da provincia, baseada, segundo sinalou, na xestión, a estabilidade e o sentido común.