Pazo da Cultura, Teatro Principal e Recinto Feiral acollerán nove concertos entre marzo e maio en Pontevedra

O Pazo da Cultura, o Teatro Principal e o Recinto Feiral de Pontevedra acollerán entre o 14 de marzo e o 30 de maio unha ampla programación musical con nove propostas dirixidas a públicos diversos.
O edil de Cultura presentou esta mañá a axenda de concertos, destacando que permitirá completar a programación cultural da cidade, que abrangue tamén cine, teatro e literatura, e que mantén as infraestruturas culturais “funcionando a tope” durante esta tempada.
Pazo da Cultura
O 14 de marzo abrirá a programación Sés co espectáculo Nadando na incerteza, no que presenta o seu novo traballo discográfico.
O 24 de abril será a quenda de Yerai Cortés, nun formato en solitario que consolida a súa proxección internacional tras o éxito do seu álbum debut.
O 25 de abril actuará Nando Agüeros coa xira Canciones desnudas, nun concerto íntimo centrado na voz e nas súas composicións máis recoñecidas.
O 16 de maio chegará Revólver coa xira LA 03010 Tour, un regreso ás raíces do proxecto liderado por Carlos Goñi.
Teatro Principal
O 25 de abril presentarase Gala i Ovidio, o novo proxecto de Aida Tarrío (Tanxugueiras) e Raül Refree, que mestura tradición galega e experimentación sonora.
O 15 de maio actuará Karmento coa súa xira de despedida de La Serrana.
O 22 de maio será a quenda de Benquerer, de Fran Sieira xunto a Caamaño&Ameixeiras, unha proposta escénica que afonda no auto-coidado e na perspectiva de xénero.
O 30 de maio subirán ao escenario Carla Lourdes e Javier Lago, nun concerto con banda.
Recinto Feiral
O 9 de maio o Recinto Feiral acollerá o regreso aos grandes escenarios de Fillas de Casandra, que presentarán en directo o seu novo disco Tertúlia.