A raíña Dona Sofía visita as zonas protexidas afectadas polos lumes en Rubiá e Folgoso do Courel

A raíña Dona Sofía visitou este mércores os concellos de Rubiá e Folgoso do Courel para coñecer sobre o terreo os proxectos de restauración ambiental previstos en ambos os dous municipios tras os incendios forestais. A Fundación Raíña Sofía, en colaboración coa Xunta de Galicia, destinará máis de 170.000 euros a estas actuacións.
Durante a xornada estivo acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ademais doutras autoridades locais.
A primeira parada desenvolveuse en Rubiá, onde a comitiva visitou o miradoiro de Oulego para observar unha alvariza tradicional, ou colmear, situada no Parque Natural Serra da Enciña da Lastra e afectada polo incendio forestal rexistrado o pasado ano. A intervención prevista inclúe a recuperación desta construción e da súa pista de acceso.
O proxecto permitirá rehabilitar a alvariza para instalar posteriormente colmeas activas, co obxectivo de impulsar a actividade apícola na zona e favorecer a recuperación da vexetación. Estas construcións de pedra, deseñadas historicamente para protexer as colmeas dos ataques dos osos, constitúen un importante elemento patrimonial de Galicia e desempeñan tamén un papel relevante na conservación das especies polinizadoras.
A visita continuou en Folgoso do Courel, concretamente no lugar do Vilar, situado na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Nesta contorna actuarase sobre un souto con exemplares centenarios que tamén resultou danado polos incendios.
Neste caso, a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Fundación Raíña Sofía permitirá crear unha masa mixta de frondosas arredor da aldea. A actuación busca recuperar un hábitat característico da zona, restaurar a paisaxe e crear unha franxa de vexetación menos inflamable que contribúa a protexer o núcleo de poboación fronte a futuros incendios.
Os proxectos de restauración xa están redactados e será a Xunta a encargada da súa execución. A previsión é iniciar os traballos ao longo deste mes de xullo, cun prazo estimado de catro meses para cada intervención, de maneira que poidan quedar finalizados antes de rematar o ano.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou a colaboración da Fundación Raíña Sofía, que achegará 65.000 euros para estas actuacións. O financiamento completarase con recursos propios da Xunta e con fondos europeos do programa FEDER. Segundo sinalou, estes proxectos contribuirán á recuperación ecolóxica, paisaxística e social de dous espazos protexidos especialmente afectados polos incendios forestais.