Pedro Blanco confirma a posta en marcha dun xulgado específico contra a violencia machista en Lugo

O Goberno anuncia a maior ampliación da planta xudicial en Galicia, con 19 novas prazas en 2026
Pedro-Blanco,-Olimpia-e-Sandra-Audiciencia-Lugo
19 Feb 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou en Lugo que o Executivo central “responde a unha demanda histórica” da provincia coa creación dunha praza específica na sección de violencia contra a muller, unha medida que permitirá a posta en marcha dun xulgado especializado en violencia machista. Segundo subliñou, esta decisión “reforza a protección das vítimas, mellora a resposta xudicial e sitúa a Lugo no camiño dunha Xustiza máis próxima e máis áxil”.

O delegado realizou estas declaracións tras manter unha reunión coa presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro, a quen agradeceu “de maneira especial o traballo e a colaboración”. Pedro Blanco salientou que a súa experiencia e compromiso co servizo público “son fundamentais para seguir avanzando na mellora do sistema xudicial da provincia da man do Goberno de España”. No encontro participou tamén a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López.

Blanco asegurou saír da xuntanza “satisfeito ao constatar a vontade compartida de seguir fortalecendo os recursos xudiciais de Lugo desde o diálogo institucional e a cooperación”. O obxectivo, explicou, é que a cidadanía dispoña dunha Xustiza máis especializada e con maior capacidade de resposta, especialmente en ámbitos “tan sensibles como a loita contra a violencia de xénero, unha das principais cuestións de Estado”.

O delegado enmarcou este avance nun proceso máis amplo de transformación e lembrou que en 2026 o Goberno creará 19 novas prazas xudiciais en Galicia, “a maior ampliación da historia”, impulsada polo ministro Félix Bolaños. Esta cifra supera a suma das creadas na última década e supón un incremento do 5,2% na planta xudicial galega.

Das 19 novas prazas, 17 corresponderán a Tribunais de Instancia e dúas ás Audiencias Provinciais da Coruña e Pontevedra. Entre os tribunais reforzados figuran os da Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ourense e Lugo. Esta medida insírese no cambio estrutural impulsado pola Lei de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza, que establece un modelo organizativo máis moderno baseado nos tribunais de instancia e orientado á especialización e á unificación de criterios.

No apartado inversor, Pedro Blanco puxo en valor que Galicia recibiu máis de 14 millóns de euros do Plan de Recuperación para a dixitalización da xustiza, aos que se engaden preto de dous millóns adicionais destinados a proxectos tecnolóxicos. “En definitiva, o Goberno de España está a modernizar a xustiza con feitos, con recursos e cunha planificación que mira ao futuro”, afirmou, incidindo en que o propósito é garantir un servizo público de maior calidade, “á altura do que merece a cidadanía galega e, por suposto, a lucense”.

⚙ Configurar cookies
0.3023829460144