Pedro Blanco destaca a "boa implantación" da lingua galega na Administración do Estado en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, vén de manter unha reunión de traballo co secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente, e co conselleiro técnico Daniel Martínez, para analizar os resultados da primeira Enquisa de Uso e Coñecemento do Galego na Administración Xeral do Estado (AXE) en Galicia, na que participaron 1.692 empregadas e empregados públicos de todos os ministerios con presenza na comunidade.
A enquisa constata unha boa implantación do galego na Administración Xeral do Estado en Galicia. Case o 72 % do persoal acredita un nivel CELGA 4 ou superior, mentres que as competencias de comprensión oral e escrita acadan niveis moi elevados. O 43 % do persoal emprega o galego de forma habitual no seu posto de traballo, unha porcentaxe que aumenta entre quen presta atención directa á cidadanía.
Pedro Blanco valorou estes resultados como "unha mostra do compromiso do Goberno e da Administración Xeral do Estado coa lingua propia de Galicia e cos dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos. Subliñou que "a cidadanía ten dereito a relacionarse coa Administración en galego e debemos seguir traballando e mellorando para que ese dereito se exerza con plena normalidade en todos os servizos públicos". Neste sentido, destacou que a Delegación do Goberno continuará impulsando medidas para favorecer o uso cotián do galego na Administración, reforzando especialmente a formación en expresión oral e escrita, facilitando recursos lingüísticos ao persoal e consolidando unha cultura organizativa que contribúa á normalización da lingua no ámbito administrativo.
O delegado incidiu en que o galego "é o elemento esencial da identidade de Galicia", polo que reafirmou o compromiso do Goberno de España de seguir promovendo o seu uso e garantindo unha atención pública cada vez máis próxima, accesible e respectuosa cos dereitos lingüísticos da cidadanía.