Pedro Blanco destaca a importancia de unificar os criterios de aplicación da Lei de Seguridade Privada

O delegado do Goberno participou na Coruña na presentación do segundo libro de Jorge Salgueiro, dirixido aos profesionais do sector e centrado na interpretación da normativa vixente
pedro-blanco-lei-seguridade-privada
22 Jul 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participou este mércores na Coruña na presentación do segundo volume de Ditames e Informes nas actividades de seguridade privada, unha obra do xurista Jorge Salgueiro orientada aos profesionais do sector. Durante o acto, destacou a relevancia de contar con criterios interpretativos unificados para aplicar a Lei 5/2014, de Seguridade Privada, co obxectivo de ofrecer maior seguridade xurídica na súa aplicación.

Na súa intervención, Blanco sinalou que “tan importante é o contido literal dunha lei como a interpretación legal da mesma” e subliñou que este labor resulta especialmente necesario en ámbitos relacionados cos dereitos fundamentais, como é o da seguridade.

O acto celebrouse na Delegación do Goberno e contou tamén coa participación do autor da publicación, Jorge Salgueiro, presidente da Asociación Europea de Profesionais para o Coñecemento e Regulación de Actividades de Seguridade Cidadá (AECRA) e secretario xeral da Asociación de Xefes e Directores de Seguridade de España (AJDSE). Ademais, asistiu o vicesecretario xeral técnico do Ministerio do Interior, Antonio Cerrolaza, encargado do prólogo da obra.

Este segundo volume reúne, ao longo de dez capítulos, análises e reflexións sobre distintos aspectos da seguridade privada. Entre os temas abordados figuran a regulación do sector, os procesos de homologación e certificación, o tratamento de datos nos sistemas de videovixilancia, a contratación electrónica dos servizos de seguridade privada, a adaptación da normativa aos cambios tecnolóxicos e o marco regulador da actividade dos detectives privados.

Segundo os seus promotores, o libro pretende ofrecer respostas prácticas a cuestións que a lexislación actual deixa abertas, facilitando ferramentas de consulta para os profesionais encargados da aplicación da normativa.

A presentación concluíu cunha exposición a cargo de Antonio Cerrolaza sobre os criterios interpretativos elaborados polo Ministerio do Interior respecto ao artigo 80 da Lei de Seguridade Privada, un documento que afecta á organización da seguridade nos polígonos industriais.

0.32290506362915