Pedro Branco anima á mocidade galega de 18 anos a solicitar o Bono Cultural Mozo 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, animou este luns aos máis de 24.300 mozos e mozas galegas nados en 2007 a solicitar o Bono Cultural Mozo, que abre hoxe a súa convocatoria correspondente ao ano 2025.
A axuda, de 400 euros por persoa, permitirá acceder a produtos, servizos e actividades culturais ao longo dun ano desde a súa concesión, mediante un cartón prepagamento que pode ser físico ou dixital. Os fondos divídense en 100 euros para produtos físicos, 100 para contidos dixitais e 200 euros para artes escénicas.
Pedro Branco destacou a dobre vertente desta medida do Goberno, que “impulsa as industrias culturais ao tempo que facilita o acceso da mocidade á cultura”. O delegado subliñou tamén que “editoras, librarías, teatros, salas de cine ou creadoras culturais verán reforzado o seu papel grazas a esta iniciativa”.
Para acceder ao Bono, as persoas que cumpra 18 anos ao longo do 2025 deben facer a solicitude na web www.bonoculturajoven.gob.es antes do 31 de outubro, contando cun dos seguintes métodos de identificación dixital: Cl@ve, certificado dixital ou a través da representación dun adulto, presentando o formulario correspondente.
O Bono está dispoñible para españolas e españois, persoas con residencia legal en España, solicitantes de asilo, desprazados temporais ou persoas estranxeiras ex tuteladas. En Galicia, hai 24.330 persoas potencialmente beneficiarias, das máis de 534.000 en todo o Estado.
En Galicia hai actualmente 322 establecementos adheridos, dos 3.700 existentes en todo o Estado.