Pensionistas da CIG entregan preto de 4.500 sinaturas en demanda dunha atención sanitaria de calidade

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG presentou esta mañá, no rexistro do Sergas, preto de 4.500 sinaturas recollidas no decurso da campaña que vén desenvolvendo para exixir que se adopten as medidas necesarias para frear o proceso de privatización e desmantelamento da sanidade pública e exixir unha atención sanitaria pública, universal e de calidade.
Coincidindo coa entrega das sinaturas, o colectivo concentrouse diante das dependencias do Sergas, onde deu lectura a un manifesto no que denunciou a situación que cualificou de “insostíbel” e o “grave deterioro” que está a padecer a sanidade pública galega.
As persoas xubiladas e pensionistas da CIG afirman que este deterioro “non é casual”, “non é accidental” e “non é un erro puntual”, senón que é “consecuencia directa das políticas de desmantelamento e privatización” que, segundo denuncian, está a aplicar o Goberno da Xunta presidido por Alfonso Rueda.
Neste sentido, sosteñen que o que está a acontecer na sanidade pública responde a unha “estratexia planificada” que produce listas de espera “inasumibles”, derivacións sistemáticas á sanidade privada e penalizacións para quen decide defender o seu dereito a ser atendido no sistema público.
Graves consecuencias
Advirten, ademais, de que esta realidade ten consecuencias especialmente graves para as persoas maiores de 60 e 65 anos e para quen convive con patoloxías crónicas, xa que, segundo sinalaron, cando a saúde falla “o tempo non é neutro”. Por iso denunciaron que os tempos de espera empeoran a saúde, aumentan a dependencia e, en demasiados casos, provocan danos irreversíbeis.
Como mostra desta situación, relataron distintos exemplos concretos. Así, denunciaron que en Vigo hai persoas ás que se lles comunica que, se non aceptan operarse en sábado na sanidade privada, pasarán ao final da lista de espera; que en Lugo hai pacientes que agardan dous e tres anos por consultas de oftalmoloxía ou por intervencións de retina; que na Coruña un xubilado de 68 anos tivo que esperar dezaoito meses por unha proba de próstata; que en Ferrol unha persoa derivada a fisioterapia privada, ao negarse a aceptar esa derivación, nunca máis foi chamada; e que en Pontevedra hai persoas de máis de 75 anos que levan un e dous anos de espera por unha prótese de cadeira ou por unha consulta de uroloxía.
Xunto a estes casos, denunciaron que existen persoas que agardan cinco anos por unha operación de cataratas, que hai quen leva meses e anos esperando por probas diagnósticas e que algunhas persoas perderon saúde de forma irrecuperable mentres permanecían nunha lista de espera.
Por iso rexeitaron que se trate de situacións illadas e aseguraron que responden a un modelo sanitario concreto que desvía cartos públicos á sanidade privada mentres debilita o sistema público.
Atención Primaria
A situación da Atención Primaria ocupou tamén unha parte central da protesta. O colectivo denunciou o tempo que tarda actualmente unha persoa en conseguir cita co médico ou médica de cabeceira e denunciou que en moitos centros de saúde de Galiza é imposíbel obtela no mesmo día e, ás veces, tampouco no seguinte. Segundo advertiron, existen centros onde a espera supera os dez, catorce e mesmo dezanove días. Unha situación especialmente preocupante, sinalaron, porque a Atención Primaria constitúe a porta de entrada ao sistema sanitario e, se esa porta está pechada, “todo o sistema falla”.
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG entende ademais que a defensa da sanidade pública é unha “loita de país”, mais tamén unha cuestión de “xustiza social” e de “dignidade”, especialmente para quen xa deu toda unha vida de traballo. Neste sentido, reclaman que as persoas maiores sexan tratadas como cidadáns con dereitos e non como unha carga para o sistema.
Por todo isto, esixiron ao Goberno do PP na Xunta que remate coa que cualificaron como política de “aniquilación da sanidade pública”, que poña fin ao desvío de cartos á sanidade privada e que planifique e dote dos recursos humanos e materiais necesarios o sistema sanitario público para garantir unha atención sanitaria digna e equitativa para todas as galegas e todos os galegos.
O colectivo concluíu facendo un chamamento á defensa da sanidade pública e á mobilización social para frear o seu deterioro, insistindo en que as persoas maiores teñen idade, pero tamén dereitos, e reivindicando a continuidade da loita na rúa en defensa dun sistema sanitario público, universal e de calidade.