Persoal de escolas infantís péchase en San Lázaro para denunciar "incumprimentos laborais"

Denuncian que os atrasos nos cesamentos e a falta de certificados de empresa están impedindo ao persoal acceder ás prestacións por desemprego e ás listas de contratación
peche-santiago-escolas-infantis
22 Sep 2026

Traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar péchanse hoxe no Edificio Administrativo de San Lázaro, ás portas do Consorcio, para denunciar os graves incumprimentos laborais que se están producindo tras o proceso de estabilización do persoal das escolas infantís e reclamar a dimisión do Xerente como máximo responsable da situación.

O motivo do peche, segundo explicou Rebeca Quintillán, é “o feito de que se están dando moitísimos problemas coa cuestión das altas e baixas na Seguridade Social” despois dos cesamentos efectivos do persoal laboral, que debían producirse o 17 de agosto.

Segundo denuncian as traballadoras, no momento en que se realizaron as tomas de posesión das traballadoras das escolas infantís, programadas para o 18 de agosto, deberían terse executado o día anterior os cesamentos do persoal que ocupaba temporalmente eses postos. Estes cesamentos deberían ir acompañados da emisión dos correspondentes certificados de empresa para todas aquelas traballadoras que non obtiveron praza no proceso de estabilización e cuxo contrato remataba ao finalizar o obxecto da súa cobertura.

Con todo, Rebeca Quintillán denuncia que “a día de hoxe hai moita xente que aínda non ten a baixa efectiva na Seguridade Social e, por suposto, tampouco ten os certificados de empresa, o que fai que non poida cobrar a prestación por desemprego”.

A situación está a provocar graves consecuencias para as traballadoras afectadas. “Algúns están a punto de cumprir o segundo mes sen cobrar dita prestación; xente que ten hipotecas, familias monoparentais, xente que no seu día a día non ten por que vivir desa forma, cando realmente ten dereito a percibir unha prestación”, explicou.

A demora nos cesamentos ten tamén consecuencias sobre a posibilidade de acceder a novos contratos. “A xente que non é dada de baixa na Seguridade Social e aparece como empregada, digámolo así, tampouco pode participar nin activarse na lista de chamamentos no momento no que se están ofertando moitísimas vacantes”, sinalou Quintillán.

Esta situación resulta especialmente grave neste momento, segundo as traballadoras, debido ás vacantes que se están xerando como consecuencia do propio proceso de estabilización do persoal. “Entón, a pescada que se morde a cola afecta a un número moi elevado de persoas”, resumiu Quintillán.

As traballadoras denuncian ademais problemas co recoñecemento das vacacións retribuídas non desfrutadas. Segundo explican, unha vez que se tramita a baixa, estas vacacións non sempre aparecen correctamente reflectidas na vida laboral e nos certificados de empresa, incluídas as que se puideran ter acumuladas de anos anteriores.

“Non lle computan e, polo tanto, o certificado de empresa vén mal. Polo tanto, chegan ao SEPE e tampouco lle poden tramitar a prestación por desemprego”, denunciou Quintillán.

Desde o persoal afectado sinalan que levan semanas intentando comunicarse co Consorcio para que se dea resposta a unha situación que consideran consecuencia da súa propia xestión. Ante a falta de solucións, presentaron unha denuncia ante Inspección de Traballo para reclamar que o persoal cesado poida acceder aos dereitos que lle corresponden.

As traballadoras consideran que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está incumprindo de maneira abusiva os dereitos laborais do persoal afectado, ao non tramitar correctamente e no prazo correspondente os cesamentos e os certificados de empresa. “Basicamente é o caos que se está xerando por todos estes cesamentos”, afirmou Quintillán.

0.3134491443634