Persoal de Atención Primaria reclama melloras e un plan de ordenación na primeira xornada de folga

O persoal da Atención Primaria celebrou a primeira das tres xornadas de folga convocadas pola CIG, cun amplo seguimento a pesar dos servizos máximos impostos pola Consellaría
Atencion Primaria
27 Nov 2025

Traballadoras e traballadores dos centros de saúde e dos PACs manifestáronse este mércores arredor da Consellaría de Sanidade coincidindo coa primeira das tres xornadas de folga convocadas pola CIG. A mobilización reclama unha aposta política decidida polo futuro da Atención Primaria e da sanidade pública. Malia os servizos mínimos considerados abusivos, a CIG-Saúde valorou positivamente o elevado seguimento do paro e animou a secundar as mobilizacións previstas para o xoves e venres.

Manuel G. Moreira, da Executiva de CIG-Saúde, explicou que a central decidiu manter as tres xornadas de paro xeral ao considerar insuficiente a última proposta da Consellaría. “Aínda que recolle algunhas melloras que levamos anos reclamando, non consolida unha situación con perspectiva de futuro para a Atención Primaria nin responde á grave crise que vive este piar fundamental da nosa sanidade pública”, afirmou.

O representante sinalou que son necesarias medidas concretas, planificadas e avaliables, lembrando que levan máis de dous anos reclamando actuacións que non se puxeron en marcha nin se abordaron na Mesa Sectorial, malia estaren xa planificadas pola propia Consellaría.

Reclaman negociar un plan de ordenación

Moreira acusou á Consellaría de ser responsábel da actual “incapacidade da Atención Primaria para responder ás necesidades asistenciais da cidadanía”. Defendeu manter a folga en todas as categorías para conseguir un plan de ordenación de recursos humanos real e negociado.

Advertiu de que o documento asinado o luns é tan ambiguo que nin sequera garante esa negociación: “Fálase de medidas sen coherencia e cun futuro indefinido no que se plasmarán… ou non”.

Sobre os cadros de persoal, Moreira denunciou a sobrecarga das áreas administrativas pese a haber profesionais dispoñibles en listas de contratación; a falta de reforzo en fisioterapia, derivándose á privada con persoal á espera de ser contratado; e a ausencia de recursos suficientes en psicoloxía clínica para saúde mental, categoría na que tampouco hai déficit de profesionais.

Pola contra, advertiu das dificultades crecientes para atopar médicas e médicos de familia e dos problemas previstos para enfermaría, que se agravarán “se non se crea un escenario laboral atractivo”.

Aposta política pola sanidade pública

Para Moreira, a clave para resolver o déficit de persoal e servizos está na elaboración dese plan de ordenación, “que significaría a aposta política que lle pedimos á Consellaría pola Atención Primaria”. Non obstante, lamentou que nin o documento presentado nin os orzamentos da Xunta para 2026 reflicten esa prioridade, xa que mesmo diminúen as partidas para melloras laborais neste ámbito.

Considerou que o amplo seguimento da folga, especialmente entre o persoal médico, evidencia “o apoio maioritario das traballadoras e traballadores, que ven como o seu futuro profesional está condicionado e como non poden desenvolver todo o seu potencial”.

Criticou tamén a falta de actividades de promoción da saúde, prevención da enfermidade, formación, docencia e investigación nos centros, así como unhas axendas “con 40 pacientes que medran indefinidamente, imposibilitando unha atención de calidade”.

“Isto non é sostible. É momento de reclamarlle ao conselleiro que asuma as súas responsabilidades e dea solucións”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.29075980186462