Picatoste reivindica unha xudicatura "que se mantén firme e serena" ante as acusacións contra a súa credibilidade

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) foi o encargado de abrir o Ano Xudicial reivindicando máis prazas de xuíces
apertura-ano-xudicial-galicia
18 Sep 2026

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste Sueiras, destacou hoxe durante o acto de Apertura do Ano Xudicial da comunidade que “a xudicatura galega mantense firme e serena fronte a quen quere minar a súa credibilidade”. Tamén incidiu na necesidade de dotar á Xustiza de máis medios “para facer fronte aos novos retos e poder ofrecer á cidadanía o servizo que reclama e merece”. “A Xustiza segue sen ser o áxil que nos gustaría”, recoñeceu.

Durante a súa intervención, esixiu reformas legais que permitan acoutar a litigación masiva, que inunda os órganos da xurisdición civil “con asuntos de escasa importancia xurídica e económica”, e evitar un modelo de negocio alleo “ao verdadeiro sentido da xurisdición”.

Picatoste salientou que chegou o momento de “corrixir as deficiencias” detectadas tras a implantación da denominada lei de eficiencia, que supuxo unha transformación de gran calado. Pediu “evitar a desafección cara ao novo modelo organizativo” e lembrou as graves dificultades que, “debido a unha inadecuada distribución dos escasos medios dispoñibles”, están a detectarse na execución das sentenzas en moitos partidos xudiciais.

O presidente do TSXG incidiu en que son “insuficientes” as 19 novas prazas de xuíces e xuízas que o Ministerio de Xustiza prevé crear en Galicia, “debido á situación de Tribunais de Instancia como Viveiro, Ribeira, Vilagarcía, Ponteareas, Carballo, Pontevedra, A Coruña, Ferrol ou Vigo”.

De feito, sinalou que, en 2025, para aliviar situacións prolongadas de alta carga de traballo e reducir os tempos de resposta, a Sala de Goberno viuse obrigada a articular reforzos en 19 órganos xudiciais, por considerar estes indispensables e urxentes. Foron necesarios na Sala do Social do TSXG, oito secciones de Audiencias Provinciais, en concreto as civís da Coruña, Ourense e Vigo, así como nas penais de Pontevedra e Vigo.

Tamén se destinaron xuíces e xuízas para reforzar seis xulgados, os competentes en violencia sobre a muller da Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo, e os de Familia de Santiago e Ourense; así como os xulgados de Viveiro. Ademais, catro membros da 74.ª Promoción da Carreira Xudicial foron destinados como reforzos a órganos de Santiago, Ribeira e Vilagarcía.

Durante o seu discurso, reivindicou a independencia da xudicatura. “Os xuíces podemos incorrer en erros na aplicación do Dereito, non somos infalibles. Por iso, o noso ordenamento xurídico establece un amplo sistema de recursos para revisar as resolucións e, no seu caso, corrixilas. Admitimos a crítica, estamos sometidos a ela, pero non os ataques e descualificacións persoais ou colectivas”, recalcou.

Para finalizar, afirmou que “afrontar os cambios, que afectan á organización, aos medios, á tecnoloxía e á propia natureza dos conflitos que chegan aos tribunais, esixe capacidade de adaptación, mantendo firmes os principios que deben presidir a función xudicial: a independencia, a imparcialidade, o rigor e a responsabilidade”.

Durante o acto de Apertura do Ano Xudicial tamén se procedeu á entrega de insignias aos maxistrados xubilados en 2025 que acudiron ao acto: José María Arrojo Martínez, Manuel Domínguez Pérez e Ángela Irene Domínguez-Viguera Fernández.

Memoria Actividade

No seu discurso, destacou algúns dos datos máis relevantes da Memoria da Actividade do TSXG 2025, aprobada a semana pasada pola Sala de Goberno. Picatoste indicou que os tribunais da comunidade resolveron o pasado ano 378.000 asuntos, máis de 1.000 cada día, reducindo nun 3,5 % o número de casos pendentes. “É unha evolución positiva e debemos recoñecer o esforzo que hai detrás destas cifras, pero tamén debemos ser prudentes: non poden levarnos á autocompracencia”, subliñou.

O presidente do TSXG fixo fincapé nas cifras relacionadas con violencia de xénero e menores. Desta forma, sinalou que en 2025 en Galicia recibíronse unha media de 22 denuncias ao día por violencia machista, un 6,6 % máis que o ano anterior, e acordáronse 1.200 ordes e medidas de protección.

“A loita contra a violencia de xénero require o compromiso de todas as institucións e de todos os ámbitos da sociedade. Para iso, necesitamos especialización, profesionais preparados e, sobre todo, traballo coordinado, para poder actuar coa rapidez e a urxencia que requira cada caso”, indicou.

En canto aos catro xulgados de menores de Galicia, con competencias provinciais, sinalou que ingresaron 900 procedementos, un 8 % menos que o ano anterior. Tamén destacou que os casos relacionados con violencia de xénero en menores aumentaron un 25 %.

“Os cambios nas formas de relacionarse, especialmente vinculados a contorna dixital, as redes sociais e as novas ferramentas de intelixencia artificial, expoñen novos retos para a Xustiza, pero tamén para as familias, os centros educativos e o conxunto das institucións”, valorou, á vez que resaltou que “o illamento físico fai ás vítimas máis débiles e vulnerables”.

0.33982992172241