Piñor homenaxea a Carmiña cun paseo literario e a inauguración dunha mostra sobre a autora

O Concello de Barbadás homenaxeou esta mañá, por partida dobre, á escritora Carmen Martín Gaite, “Carmiña”, coa celebración do IV Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite” e a inauguración da exposición permanente “As palabras en fila. O álbum da infancia de Carmiña en Piñor”. A cita reuniu a numerosos veciños e veciñas, así como amantes da literatura e das novelas de Martín Gaite, unha das escritoras máis destacadas do século XX na literatura española.
“Hoxe damos varios pasos máis na reivindicación do vínculo tan especial de Carmen Martín Gaite con Piñor coa celebración deste paseo literario e coa inauguración da exposición permanente, da sinalización da ruta e do percorrido GPS”, resaltou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, ao inicio da actividade. O rexedor tamén quixo agradecer o “gran traballo” realizado polo investigador e docente David G.Couso, quen realizou unha tese e varias publicacións sobre a relación da escritora con Piñor, e quen se encarga de guiar a ruta literaria. Asemade, puxo en valor o esforzo realizado polo xornalista Luis Congil, comisario da exposición, para “recoller e reunir todas as fotos de infancia dos veráns de Carmiña en Piñor”.
Durante o paseo, David G.Couso foi guiando ao nutrido grupo por varias paradas en puntos estratéxicos, como as casas nas que vivían os familiares de Martín Gaite, os espazos que reflectiu nas súas novelas adicadas a Piñor ou os lugares onde desfrutaba do verán cos seus familiares e amizades. Na última parada da ruta, os participantes visitaron a exposición fotográfica no local social de Piñor, onde Luis Congil detallou o proceso de recollida de imaxes e a organización da mostra, na que se recollen fotografías da infancia, escritos ou fragmentos de entrevistas á autora, entre outros documentos. Para rematar, o grupo desfrutou dun ágape no bar O Regueiro, cortesía do Concello.