Plataforma Ulloa Viva esixe á Xunta a documentación do arquivo do expediente de Altri

Che Cancelo demanda que a reapertura da Mina de Touro-O Pino “siga o mesmo camiño” que a macrocelulosa
altri-e-mina-de-touro-reclamacion
22 Jul 2026

Os presidentes da Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, explicaron hoxe en rolda de prensa en Compostela que teñen pedido á Xunta de Galicia “o acceso a toda a documentación do expediente de Altri” e advirten que “estamos vixiantes e somos conscientes da “necesidade de comparecer nos procedemento que dea lugar”.

O presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, sinalou a respecto da resolución de arquivo do proxecto anunciada este mesmo mes pola concelleira de Economía e Industria, que “é unha resolución sen solucións”, e avanzou que diante deste escenario debuxado agora pola Xunta de Galicia “estamos alerta e manteremos as mobilizacións” e tamén o equipo legal de Ulloa Viva ten claro que “presentaremos recurso contra a resolución” na instancia en que se desenvolva a partires de agora a tramitación da mesma.

Juan Pedro Sánchez puxo en valor que o anuncio de arquivo administrativo do proxecto “é un éxito da mobilización social”. Chegamos a este punto logo de case catro anos de loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei “da man de moitos”, e nese mesmo senso anunciou tamén a presentación de case 10.000 sinaturas recollidas na campaña “Re-matemos nós con Altri e a Mina de
Touro-O Pino” diante da Xunta de Galicia, para exixir ao goberno galego que “denegue” ambos proxectos industriais.

As Plataformas explicaron que xa teñen solicitado diante da Xunta de Galicia “toda a documentación do expediente” do arquivo anunciado por parte do goberno galego, e Sánchez avanzou que a consideración do equipo xurídico de Ulloa Viva é que “recorreremos contra a resolución”, en primeiro termo porque “non se pode xustificar o arquivo por parte da Xunta pola falta de conexión eléctrica cando hai informes solventes de técnicos e profesionais que advirten dos riscos medioambientais e para a saúde e a economía da zona que por si sos xa terían que ter feito que a Xunta de Galicia rematara hai anos con este proxecto”.

"As plataformas seguimos vixiantes e activas”

Tamén o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, destacou na rolda de prensa que a resolución da Consellería de Economía e Industria arredor do arquivo de Altri “é a consecuencia das mobilizacións masivas da sociedade galega en contra do proxecto de Altri e a Mina de Touro-O Pino”. Rubido sinalou que a pesares do trunfo “isto non pecha o procedemento totalmente, deixa xanelas abertas e precisa de vixianza e seguimento por parte da mobilización social”, dixo.

O presidente da PDRA asegurou que as tres plataformas convocantes da rolda de prensa hoxe en Compostela “somos conscientes da necesidade de comparecer no procedemento que dea lugar” o anuncio do arquivo de Altri por parte da Xunta. Explicou que este suposto inclúe “o contencioso administrativo que poida xurdir” da resposta da empresa á resolución de arquivo da Xunta. Porén avanzou que “seguimos na liña de usar todos os instrumentos legais posibles para facer realidade que a DIA decaia e tamén a petición da captación de augas”.

Destacou Rubido que estes son agora mesmo dous aspectos fundamentais “pendentes de pechar”, e anunciou que as plataformas “seguimos vixiantes para conseguir que se pechen” dun lado a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva que a Xunta de Galicia outorgou ao proxecto da macrocelulosa de Altri o pasado mes de marzo de 2025, e do outro lado a petición da empresa pendente de resolución de Augas de Galicia, para captar 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros nos vindeiros 75 anos.

Tamén se referiu Rubido á necesidade de “seguir festexando os avances e mobilizándonos cando haxa calquera retroceso ou sinal de que é preciso volver a presionar á Xunta”, e lembrou que tanto o expediente de Augas de Galicia como a DIA positiva da Xunta a Altri “deberían denegarse polo mero feito da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que establece que os terreos que pretende Altri para a macrocelulosa teñen que pasar a formar parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Careón.

Denegación da reapertura da Mina de Touro-O Pino

Pola súa banda a voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo puxo en valor “o poder das mobilizacións sociais diante de proxectos que os nosos gobernantes nos queren impoñer e que mudarían o noso modo de vida a peor”. Avogou Cancelo por “coidar” e lembrou que “xuntas e organizadas conseguímolo nas dúas reivindicacións da recente mobilización na Illa de Arousa” o pasado 14 de xuño. Sinalou Cancelo que “a de Altri vai por bo camiño” e no caso da reapertura da Mina de Touro o Pino “queremos que siga o mesmo camiño, pola contestación social e porque xa tivo unha DIA negativa” da Xunta de Galicia.

A voceira da Plataforma Veciñal Miña de Touro-O Pino Non, referiuse a que “temos probas moi visibles” do impacto da mina no territorio. Explicou Che Cancelo a “escaseza de auga que sufrimos a estas alturas do ano” e o feito de que o Concello de Touro “xa se veu na obriga de mercarlle ao concello de Boqueixón 850 bañeiras de auga potable ao día para o consumo humano”. Ademais sinalou o “máis que visible deterioro dos ríos da contorna da mina”, que certifica cientificamente un informe pericial que o Concello de Touro encargou a unha empresa para avalar o estado actual das augas superficiais dos ríos da contorna localizados na conca “Ulla – Deza”, integrados na rede Natura 2000 é depositarios do Ulla e a Illa de Arousa.

A respecto deste informe destacou Cancelo que “os resultados obtidos revelan que a calidade das augas superficiais da contorna mineira non só seguen gravemente contaminadas por drenaxe aceda despois de 40 anos de abandono, senón que a calidade fluvial empeorou considerablemente en comparación cos datos históricos aportados pola propia empresa promotora”. Cualificou Cancelo de “mentira ambiental” os argumentos en contra defendidos pola empresa promotora e criticou a “indefensión” á que a Xunta de Galicia ten sometida á veciñanza na tramitación da reapertura da mina que ten en marcha como Proxecto Industrial Estratéxico.

0.32477402687073