Ponteatro pecha a súa edición máis exitosa con todas as funcións esgotadas

Ponteatro clausurou a súa edición máis exitosa ao esgotar todas as localidades das seis funcións programadas entre o 9 de outubro e o 13 de novembro no Teatro Principal. Cunha selección de propostas galegas e estatais, o ciclo reuniu a preto de 2.600 espectadores, consolidándose como unha das citas escénicas de referencia en Pontevedra.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, destacou a excelente resposta do público: “Ponteatro é un ciclo consolidado que sempre funcionou moi ben, mais desta volta deuse a circunstancia especial de termos o ‘non hai entradas’ en todas as sesións”. O concelleiro agradeceu tamén o labor das compañías, do persoal técnico e da organización por facer posible, un ano máis, esta tempada.
Aumento de asistencia e abonos esgotados en horas
Os datos desta edición confirman un crecemento do 25,67% respecto á edición de outono de 2024, pasando de 2.053 asistentes a 2.580. O éxito foi evidente desde o inicio: en menos de 24 horas esgotáronse os 50 abonos iniciais, o que obrigou a activar outros 40 que tamén se venderon en apenas un par de horas. A venda de entradas individuais avanzou a un ritmo constante, esgotándose na venda anticipada días antes de cada función.
Un cartel diverso e actual
A programación combinou teatro galego e estatal con temáticas diversas e de actualidade. As obras que conformaron o cartel foron:
- ‘Cortello de amor’, de Amorodio Teatro
- ‘Carmen, nada de nadie’, de Teatro Español e Tablas y más tablas
- ‘As desterradas’, de Producións Excéntricas
- ‘Nevenka’, de Histrión Teatro
- ‘Go home’, de Etiqueta Negra
- ‘Un deus salvaxe’, de Talía Teatro
Unha mostra que volve situar a Ponteatro como escaparate do mellor teatro galego e estatal e como un referente no panorama escénico da cidade.