Pontedetapas arranca o mércores 5 de novembro con 27 establecementos competindo polas mellores tapas e cócteles da Boa Vila

A nova edición de Pontedetapas celebrarase do 5 ao 23 de novembro con 27 locais participantes, 16 tapas tradicionais, 12 creativas e 10 cócteles. O certame premia o talento hostaleiro e convida á cidadanía a gozar da gastronomía local con premios e sorteos.
O Concello de Pontevedra presentou este luns unha nova edición do certame Pontedetapas, que se celebrará entre o 5 e o 23 de novembro e reunirá 27 establecementos da Boa Vila competindo polas mellores tapas e cócteles da cidade. A iniciativa, organizada pola área de Promoción Económica, busca dinamizar a restauración local e contribuír á desestacionalización do sector.
A concelleira Anabel Gulías destacou que Pontedetapas “reforza a imaxe de Pontevedra como referencia gastronómica” e subliñou a aposta pola calidade do produto local e a creatividade dos profesionais da hostalería. Ademais, convidou á cidadanía a participar e probar as diferentes propostas: “A súa implicación é esencial para coñecer os gustos da veciñanza”.
O mércores 5 de novembro, Gulías e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitarán varios establecementos para probar as creacións participantes. Este ano, o certame contará con 16 tapas tradicionais, 12 creativas e 10 cócteles, con opcións con e sen alcol.
Como novidade, establécese un prezo variable: as tapas custarán 3,50 € de luns a xoves e 4 € de venres a domingo, mentres que os cócteles terán un prezo fixo de 6 €. O público elixirá a “Tapa Pontevedra”, que representará á cidade no concurso autonómico De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia, e un xurado profesional decidirá os premios ás mellores tapas tradicional, creativa e ao mellor cóctel.
Premios para o público
O público poderá participar no sorteo de dous vales de 500 € para gastar nos locais participantes: un a través dos cupóns en papel e outro mediante a aplicación oficial de Pontedetapas. Ademais, regresa o popular “Pasaporte Pontedetapas”: as dez primeiras persoas que completen o percorrido polos 27 establecementos recibirán unha cea para dúas persoas valorada en 60 €.
Por outra banda, Hijos de Rivera premiará a mellor maridaxe dunha tapa con caña de Estrella Galicia. O establecemento gañador recibirá o equivalente ao peso da persoa propietaria en produtos HdR, e o público participante poderá desfrutar dunha experiencia MEGA no museo de Estrella Galicia.