Pontevedra acollerá unha fin de semana deportiva con máis de 1.500 participantes na 4Picos e a nova 4Pontes

A cidade de Pontevedra prepárase para vivir unha intensa fin de semana deportiva os días 9 e 10 de maio coa celebración da 11ª edición da “Pontevedra Catro Picos” e a estrea da carreira “4Pontes”, dous eventos que reunirán a máis de 1.500 deportistas.
A 4Picos, unha referencia do BTT
O sábado 9 de maio terá lugar a 11ª edición da “4Picos”, unha proba de BTT consolidada como un referente tanto en Galicia como a nivel estatal e en Portugal.
A competición discorre por un percorrido de case 130 quilómetros polos montes da contorna da cidade e prevé superar os 1.000 participantes. Como novidade, a saída trasladarase este ano desde o Pazo da Cultura ao campus universitario.
As persoas participantes poderán escoller entre percorridos de dous ou catro picos, competindo de forma individual, en parella ou por equipos. Ademais, o evento contará con gran visibilidade grazas á presenza de creadores de contido como Biclab.
Estrea da carreira 4Pontes
O domingo 10 de maio celebrarase a primeira edición da “4Pontes”, unha proba de running que nace para dar resposta á crecente demanda deste tipo de eventos.
A carreira contará con tres distancias —5, 10 e 15 quilómetros— e aposta por un formato híbrido, coñecido como “gravel running”, combinando asfalto, carreiros e camiños de grava.
O percorrido incluirá zonas pouco habituais neste tipo de probas, como Monte Porreiro, a contorna da UNED Pontevedra e a Illa do Covo, cunha previsión de arredor de 500 participantes na súa estrea.
Un evento con impacto económico e social
A organización de ambos eventos, a cargo da empresa Global Deporte, mobilizará a máis de 150 persoas, incluíndo efectivos de Protección Civil de varios concellos e máis de 100 voluntarios.
As administracións colaboradoras —Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia— destacaron o impacto positivo destas probas, tanto na promoción do deporte como na dinamización económica da cidade.
Eventos deste tipo contribúen a poñer en valor o patrimonio natural e cultural, atraer visitantes e impulsar o comercio e a hostalaría local.
Prazo de inscrición aberto
As inscricións para ambas probas permanecerán abertas ata o domingo 3 de maio ás 23:59 horas.