Pontevedra (D) escrita convida a redescubrir a cidade a través da súa pegada literaria

O proxecto ofrece un mapa literario con 73 autorías, 55 obras e 26 itinerarios que poñen en valor a creación en galego vencellada á Boa Vila, con paseos guiados e propostas vivas que se irán ampliando.
Pontevedra Poetica
15 Jun 2025

O proxecto Pontevedra (D) escrita, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística e desenvolvido por Maos Innovación Social, chega co obxectivo de poñer en valor a relación entre a cidade e a creación literaria en lingua galega. A súa ferramenta principal é o sitio web www.pontevedradescrita.gal, onde xa se poden consultar 73 autorías, 55 obras, 19 espazos literarios e 26 itinerarios.

A presentación oficial realizouse o 11 de xuño da man do concelleiro Demetrio Gómez e de Óscar Senra, deseñador do proxecto. Segundo explicaron, trátase dunha iniciativa viva e participativa, pensada para crecer co tempo e coa achega cidadá. A web permite descubrir Pontevedra a través das voces que escribiron sobre ela, con nomes que van desde Paio Gómez Chariño até Tamara Andrés.

Ademais da web, o proxecto conta cun mapa impreso con 35 elementos clave para percorrer a cidade sen necesidade de dispositivos dixitais. E para levar esta proposta ás rúas, organizaranse roteiros literarios guiados, o primeiro dos cales será Pontevedra Poética, con tres sesións previstas: o sábado 21 de xuño ás 11:00 e ás 19:00 h e o venres 4 de xullo ás 19:00 h. Este paseo terá unha duración de hora e media, con nove paradas e estará centrado en autores e autoras que fixeron da poesía en galego o seu vehículo de expresión. A actividade está dirixida a maiores de 16 anos e require inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal.

No outono engadirase un novo paseo temático que afondará na relación entre Pontevedra, o exilio e a literatura.

O proxecto anima tamén á cidadanía a participar, propoñendo obras e autoras que poidan incorporarse ao mapa a través do correo electrónico info@pontevedradescrita.gal.

⚙ Configurar cookies
0.2214629650116