Pontevedra estrea “Resonancias”, un ciclo que une música e saúde mental

O Concello de Pontevedra presenta “Resonancias”, un novo ciclo cultural que combina concertos e coloquios sobre emocións e benestar
Resonancias
15 Dec 2025

O Concello de Pontevedra inicia esta semana “Resonancias”, un novo ciclo cultural que tende pontes entre a música e a saúde mental a través dunha fórmula innovadora que combina concertos mensuais cun coloquio posterior no que artistas e especialistas comparten experiencias arredor das emocións e do benestar persoal.

A iniciativa foi presentada pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, quen explicou que o proxecto nace como extensión do documental H.E.I. – Hacia el Espacio Interior, centrado no poder terapéutico da música nun contexto social no que a ansiedade e a depresión forman parte da vida cotiá de moitas persoas. Neste senso, destacou que “este programa, no que desde o Concello colaboramos coa produtora Borneo, fornece un espazo seguro e próximo para reflexionar sobre estas cuestións desde unha perspectiva accesible a todos os públicos”.

O evento piloto celebrarase este mércores, 17 de decembro, ás 20.00 horas no Liceo Casino de Pontevedra, coa participación de Merino e Eladio y los Seres Queridos. A apertura de portas terá lugar ás 19.30 horas. No acto estivo tamén presente o responsable da produtora Borneo, Roi Grandío, quen animou á cidadanía a sumarse a esta iniciativa pioneira.

Cada sesión de “Resonancias” estará conducida pola locutora de Radio 3 e psicóloga Rosana Corbacho, e contará coa participación de dous artistas que combinarán unha actuación musical cunha conversa arredor do proceso creativo, as emocións e as súas vivencias persoais ligadas á música.

A inscrición para a sesión do mércores 17 de decembro xa está aberta a través do espazo Apúntate da páxina web do Concello de Pontevedra.

⚙ Configurar cookies
0.32656097412109