Pontevedra homenaxea á fiscal Paula Cajaraville no acto institucional do 25N

Alfonso Lago e o fiscal xefe de Pontevedra, Pablo Varela, entregaron a distinción á fiscal delegada de Violencia contra a Muller
paula-cajaraville-pontevedra-25N
25 Nov 2026

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra celebrou hoxe o acto institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no que recoñeceu a traxectoria profesional de Paula Cajaraville Leiro, fiscal delegada de Violencia contra a Muller na Fiscalía Provincial de Pontevedra.

O acto, presidido polo subdelegado do Goberno, Alfonso Lago, reuniu representantes das administracións públicas, da Administración de Xustiza, das Forzas e Corpos de Seguridade e de entidades vinculadas á prevención da violencia de xénero e á atención ás vítimas.

Durante a cerimonia, Alfonso Lago e o fiscal xefe de Pontevedra, Pablo Varela, entregaron a distinción a Paula Cajaraville pola súa dedicación profesional, a súa especialización na persecución dos delitos de violencia de xénero e a súa contribución á formación nesta materia.

Na súa intervención, o subdelegado lembrou ás 47 mulleres asasinadas pola violencia machista en España no que vai de ano, unha delas na provincia de Pontevedra, no municipio de Mos. Tamén se referiu ás 2.045 mulleres que se atopan no sistema VioGén na provincia, destinado ao seguimento e á protección das vítimas.

Lago destacou que “España é un país á vangarda mundial da loita contra a violencia de xénero” e lembrou que foi o primeiro país europeo en aprobar unha lexislación integral nesta materia, coa Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero de 2004. Referiuse tamén ao sistema VioGén, que permite a coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade, os órganos xudiciais, a Fiscalía e as administracións públicas para o seguimento e a protección das vítimas, así como ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que establece un marco común e acordado de actuación e recursos para abordar esta problemática.

O subdelegado dedicou tamén parte da súa intervención ao papel da Fiscalía nos procedementos xudiciais relacionados coa violencia sobre as mulleres, desde a investigación dos delitos ata a protección das vítimas. Neste sentido, destacou o traballo dos profesionais da Administración de Xustiza e a importancia da colaboración entre as distintas institucións implicadas. Así mesmo, sinalou que o recoñecemento a Paula Cajaraville permite dar visibilidade ao labor que desenvolve o Ministerio Fiscal e achegar á cidadanía o seu papel na atención ás vítimas de violencia de xénero..

Unha traxectoria especializada na violencia de xénero

Paula Cajaraville é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e ingresou na Carreira Fiscal en 2012. Tras exercer en destinos de Cataluña e da provincia de Pontevedra, desde setembro de 2023 é fiscal delegada de Violencia contra a Muller na Fiscalía Provincial de Pontevedra.

Ao longo da súa carreira especializouse na persecución dos delitos de violencia de xénero e na protección das vítimas. Compaxina este labor cunha intensa actividade formativa e divulgativa en universidades, colexios profesionais e institucións públicas. Entre os seus ámbitos de especialización figuran a violencia dixital, os delitos nas redes sociais e a protección de menores.

O acto pecha a programación da Subdelegación con motivo do 25N, que incluíu a posta en marcha de dúas campañas de prevención elaboradas coa Universidade de Vigo en Cangas e Silleda, unha iniciativa para ampliar a rede de puntos violeta nas farmacias da provincia e unha xornada sobre a violencia contra as mulleres nos conflitos armados.

A distinción forma parte do recoñecemento institucional promovido desde a Subdelegación do Goberno aos profesionais que traballan na prevención da violencia contra as mulleres e na protección e atención ás vítimas.

1.6490409374237