Pontevedra presenta un programa de Nadal «elegante e divertido» que arranca co acendido de luces o 5 de decembro

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou o programa de Nadal 2025-2026, definindo estas festas como “elegantes, pero moi divertidas” e pensadas para facer da cidade un espazo acolledor e fermoso no que celebrar unha das épocas máis especiais do ano.
Como é tradicional, o programa comezará o 5 de decembro na praza do Concello co acendido da iluminación de Nadal, un acto festivo e familiar que, segundo avanzou o alcalde, chegará con “algunha que outra sorpresa” para o público asistente.
O Concello editou 30.000 programas, dos que 27.000 serán repartidos nos fogares da cidade e 3.000 estarán dispoñibles na Oficina de Turismo.
Lores subliñou que o programa deste ano é “100 % pontevedrés”: accesible, con identidade propia, compartido, descentralizado, aberto e con maioría de actividades de balde. Destacou tamén a colaboración de numerosas empresas, artistas, asociacións e persoas da Boa Vila, que contribúen a construír un Nadal participativo e de cidade.
Principais novidades do programa
O alcalde salientou tres incorporacións destacadas nesta edició, como a actuación de ballet O Quebranoces no Pazo da Cultura o 9 de decembro, ou a recepción dos Reis Magos no salón de plenos do Concello, ou a actuación dos Bolechas no Teatro Principal o 30 de decembro.
As citas clásicas manteñen o seu espazo habitual: pista de xeo en Montero Ríos, poboado de Nadal na Ferrarías, actividades descentralizadas nos locais sociais e a tradicional cabalgata de Reis.
Destacouse tamén a celebración da San Silvestre o 31 de decembro, unha das carreiras máis participadas de Galicia, que volverá partir de Montero Ríos. Ademais, o programa solidario (En)Volve está xa en marcha para garantir que ningunha nena ou neno quede sen agasallo nestas datas.
Por último, Lores fixo un chamamento a un Nadal “responsábel”, animando á veciñanza a apostar polo comercio local de proximidade para as compras e agasallos.