Pontevedra reivindica o seu vínculo coa emigración galega durante os Premios Alecrín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reivindicou este mércores o vínculo entre a provincia e as persoas que, aínda residindo fóra de Galicia, manteñen a súa conexión coa terra durante o acto de entrega dos Premios Alecrín. Os galardóns, concedidos pola Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña (Fegalcat), celebráronse na Azucreira de Portas.
Durante a súa intervención, Luis López puxo en valor a “defensa dunha provincia extraordinaria como é Pontevedra”, unha tarefa que, segundo sinalou, tamén é posible grazas ás persoas que manteñen a súa relación coa provincia desde fóra. O presidente referiuse así ás persoas que “a viven mesmo sen vivir fisicamente nela, pero si en espírito, como facedes vós”.
O presidente da Deputación destacou o papel da emigración na relación entre Galicia e Cataluña e afirmou que esta realidade permite comprobar “por que a emigración e Galicia son dúas ideas que conviven en tan perfecta harmonía”. Nese sentido, asegurou que “Vós levades o sentidiño a Cataluña e traedes algo de seny a Galicia”.
Luis López tamén defendeu que as diferentes identidades poden convivir sen excluírse entre si. “Os galegos demostramos que as identidades non son excluíntes: pódense sumar e, así, somos galegos, españois, europeos e temos moito que ver con Hispanoamérica”, afirmou.
No transcurso da cerimonia, o presidente da Deputación foi o encargado de entregar o Premio Alecrín no apartado de programación musical a Joaquín Martínez Silva, Kin, director de Esmerarte Industrias Creativas.
Luis López aproveitou o acto para destacar tamén o conxunto de persoas e entidades da provincia recoñecidas nesta edición dos premios. Entre elas figuran a Fundación Xosé Neira Vilas, o presidente da Federación Española do Fútbol, Rafael Louzán, a Fundación Manolo Paz, o actor Carlos Blanco, o mestre campaneiro José Enrique López Ocampo, o CEO de BIRDMIND, David Camba, a Banda de Música de Lantaño, o Grupo de Gaitas Domingo Fontán e Esmerarte.
Sobre esta última empresa, o presidente da Deputación lembrou o seu papel na promoción turística da provincia, ao ser “a empresa encargada das pezas audiovisuais para a promoción turística da provincia”. Entre os traballos realizados destacou especialmente a campaña de 2025, titulada Cando volves?, un lema que, segundo indicou, “seguro que moitos de vós escoitastes algunha vez dalgún ser querido”.
O presidente provincial considerou que todas as persoas e entidades distinguidas nos Premios Alecrín representan unha parte do patrimonio cultural da provincia. “Todos eles son unha mostra do enorme patrimonio cultural que atesouramos na provincia, e que na Deputación custodiamos, difundimos e promovemos”, asegurou.
Finalmente, Luis López recoñeceu o traballo desenvolvido por Fegalcat para manter e divulgar a cultura galega fóra de Galicia. Destacou o seu labor por “fomentar a nosa cultura alén das nosas fronteiras” e tamén por “abrir as portas á cidadanía catalá a que coñeza, comparta e namore dos elementos que conforman a identidade dos galegos”.