Pontevedra reivindica o tecido empresarial local na gala dos Premios Feroz

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destaca o impacto social e económico da gala, que contará coa participación de empresas pontevedresas como Paco & Lola, Krack e El Nogal.
Feroz Pontevedra
20 Jan 2026

O Concello de Pontevedra reivindicou este xoves o papel do tecido empresarial local con motivo da celebración da gala dos Premios Feroz, que terá lugar o vindeiro sábado, 24 de xaneiro. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo un encontro con representantes dalgunhas das empresas patrocinadoras para poñer en valor a repercusión social e económica do evento na cidade.

Fernández Lores subliñou que unha das condicións fundamentais para que Pontevedra acollera a gala foi garantir un impacto real na economía local. “Queremos que teña relación coa actividade económica e co tecido industrial e empresarial”, afirmou, amosándose orgulloso de contar con empresas que contribúen a deixar un pouso duradeiro máis alá da propia celebración.

Entre as firmas participantes atópase a adega Paco & Lola, que será o viño oficial da gala. A empresa, integrada por máis de 430 familias viticultoras do Salnés, ofrecerá tanto o seu recoñecido Albariño como o viño sen alcohol lanzado o pasado ano, co obxectivo de que todas as persoas asistentes poidan gozar do produto.

Tamén repite colaboración a empresa pontevedresa Krack, líder no sector do calzado con máis de 60 tendas. A súa responsable de comunicación, Viviana López Novoa, lembrou o éxito da acción desenvolvida na edición de 2025, recoñecida cun Premio Paraguas do Clúster de Comunicación de Galicia, e avanzou que para este ano preparan unha nova proposta pensada para sorprender tanto na posgala como nas redes sociais.

Pola súa banda, a empresa de Campo Lameiro El Nogal elaborou por primeira vez un produto exclusivo para os Premios Feroz: unha edición especial de améndoa Marcona gourmet con distintos sabores. A marca estará presente tanto no hospitality como na gala e no convite posterior, cun contido interactivo a través dun código QR que permite coñecer o proceso creativo desta proposta deseñada especificamente para o evento.

O Concello de Pontevedra conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra na promoción da gala dos Premios Feroz, reforzando así a aposta institucional por vincular grandes eventos culturais coa economía local.

⚙ Configurar cookies
0.49408197402954