Pontevedra reunirá a Marcos Giralt Torrente e Alice Kellen no III Encontro Pontevedra Literaria

A Deputación de Pontevedra prepara a terceira edición do Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, unha iniciativa impulsada a través do servizo de Xuventude para achegar a creación literaria á mocidade da provincia. Baixo o lema ‘Voces que chegan’, o programa contará este ano coa participación dos escritores Marcos Giralt Torrente e Alice Kellen.
O Salón de Plenos do Pazo provincial acollerá o 1 de outubro, ás 19.30 horas, a sesión con Marcos Giralt Torrente, mentres que o día seguinte, á mesma hora, será a quenda de Alice Kellen. As prazas para participar no encontro con esta última autora xa están esgotadas, mentres que aínda quedan algunhas dispoñibles para a sesión con Giralt Torrente, que poden reservarse mediante un formulario na web da Deputación.
As dúas xornadas permitirán afondar en cuestións relacionadas coa literatura, a memoria, a identidade e o proceso creativo, ademais de coñecer de primeira man as perspectivas dos autores sobre a escritura e a creación de historias.
O encontro con Marcos Giralt Torrente terá como fío condutor ‘Escribir para entender’. O escritor, considerado un dos narradores destacados da literatura española contemporánea, é autor de obras como ‘París’, gañadora do Premio Herralde de Novela; ‘Los seres felices’; ‘Tiempo de vida’, recoñecida co Premio Nacional de Narrativa e o Premio Strega Europeo; e ‘Los ilusionistas’, que recibiu o Premio da Crítica e o Premio Francisco Umbral ao Libro do Ano, ademais de ser finalista do Premio AENA.
A súa produción inclúe tamén o volume de ensaios e crónicas ‘Algún día seré recuerdo’ e os libros de relatos ‘Entiéndame’, ‘El final del amor’, Premio Ribera del Duero de Narrativa Breve, e ‘Mudar de piel’.
Pola súa banda, Alice Kellen, pseudónimo de Silvia Hervás, protagonizará o 2 de outubro a sesión ‘Historias que nos conectan’, na que abordará a creación de historias capaces de conectar co público novo.
A escritora publicou dezaseis novelas, algunhas das cales foron adaptadas ao audiovisual. Entre os seus títulos figuran ‘Nosotros en la luna’, ‘El mapa de los anhelos’, ‘La teoría de los archipiélagos’, ‘Donde todo brilla’, ‘Quedará el amor’ e ‘Sigue lloviendo’. As súas obras acumulan máis de tres millóns de lectores. A súa novela máis recente é ‘El Club del Olvido’.
O Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes naceu como resposta ao interese crecente da mocidade pola creación literaria e artística, reflectido no aumento das solicitudes para participar na categoría de traballo literario dos Premios Provinciais á Xuventude.
Nas dúas primeiras edicións participaron autores como Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois. Como antesala da terceira edición, a Deputación organizou o pasado mes de febreiro un encontro coa escritora Paloma Sánchez-Garnica.