Pontón acusa a Rueda de crear unha Galiza de dúas velocidades en materia de sanidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de crear “unha Galiza de dúas velocidades” no acceso á sanidade cos seus recortes na atención primaria, “un recortazo” de 1.650 millóns de euros nos 17 anos de goberno do PP, remarcou, que provocan a situación “crítica e insostible” na que se atopa na actualidade.
“E chegamos aquí, non por casualidades, senón porque vostede ten deliberadamente infrafinanciada a nosa atención primaria”, recriminou a Rueda, ao que recordou que Galiza “é a segunda pola cola” que menos recursos dedica á primaria de todo o Estado. “Só o 12% do gasto sanitario, menos da metade do que recomenda a OMS e por debaixo da media estatal”, recalcou.
Pontón utilizou na sesión de control parlamentario o último informe do Consello de Contas que, indicou, “acaba de poñerlle cifras a unha realidade que sofren en carne propia cada día os galegos e galegas” tras “17 anos de recortes do Partido Popular”.
Neste sentido, advertiu que o Consello tamén alerta sobre unhas listas de espera que “non paran de medrar”, mentres o Executivo de Rueda ten 2.444 vacantes en atención primaria.
“Ten vostede vacantes o 24% das prazas de médico de familia, o 26% das de enfermería, o 63% das de matronas e o 41% de fisioterapia”, enumerou, para criticar a continuación que a Xunta ten ademais sen cubrir o 37% das prazas de pediatría, “mentres miles de nenos e nenas non teñen que as atenda”, dado que en catro de cada 10 concellos non existe este servizo sanitario.
“Señor Rueda, estamos en pleno ano 2026, parécelle normal ter os nenos e nenas de 120 concellos deste País sen pediatra ou que teñamos 90 onde só o teñen unhas horas á semana?”, cuestionou. “Este é o retrato da desfeita sanitaria que nos deixan 17 anos de demolición da sanidade pública do goberno do Partido Popular”, sintetizou.
A líder do BNG puxo o foco sobre unha das cuestións que revela o Consello de Contas e que considerou “gravísima”: a existencia de desigualdades territoriais no acceso á sanidade, sobre todo nos concellos de menos de 5.000 habitantes.
Desigualdades que afectan a pediatría, pero tamén a outras especialidades como odontoloxía, fisioterapia ou hixiene bucodental.
“Noutras palabras, está vostede creando unha Galiza de dúas velocidades en materia sanitaria, con galegos e galegas de primeira e de segunda, e isto é intolerable porque os galegos e as galegas teñen dereito á mesma atención sanitaria, vivan nunha cidade ou vivan nun concello pequeno”, recriminou ao titular do Executivo, ao que pediu deixe de responsabilizar a todo o mundo menos ao PP, asuma as súas responsabilidades e actúe para mellorar a sanidade pública.
Por iso, preguntou a Rueda “se pensa facer algo para sacar a atención primaria desta situación” na vez de empregar o seu argumentario habitual, que pasa por “botarlle a culpa ás persoas que enferman moito, ás e aos profesionais que fan folga para defender a sanidade pública” ou, neste caso, “ao Consello de Contas” por facer informes que “poñen en cuestión a realidade virtual” que el mesmo crea “a través da TVG”, por certo, “con cartos de todos e todas”.
A portavoz nacional lamentou que o presidente da Xunta lanzase na súa resposta as súas recorrentes acusacións de mentiras e manipulacións, cando as cifras e os datos non son do BNG, senón do propio Consello de Contas.
“E o que nos di o informe do Consello é que vostede ten 2.444 vacantes en atención primaria mentres temos o sistema colapsado”, incidiu, para reiterar a continuación que o Goberno do PP ten 120 concellos sen pediatra e concretamente 96 onde o servizo de pediatría se limita a un día a semana por hora.
Pontón advertiu a Rueda que é o propio ente fiscalizador o que lle lembra que a garantía de cobertura mediante a derivación de persoas menores a médicos de familia non constitúe atención especializada, recalcándolle que esa asistencia debe estar prestada por profesionais de pediatría.
“E, como sempre, volve vostede aquí a botar balóns fóra, como se non levara 17 anos sentado no Consello da Xunta e 30 subido ao coche oficial”, reprochoulle, logo de criticar a “precarización” dos médicos e médicas da primaria. “Por iso están fuxindo e van ás especialidades, porque levan vostedes 17 anos maltratando ao persoal”, denunciou.
“Se hoxe hai un deterioro así é porque vostedes recortaron durante 17 anos, con vostede sentado no Consello da Xunta, 1.650 millóns de euros en atención primaria”, sintetizou para, por último, instar a Rueda a traballar pola sanidade pública, na vez de botar balóns fóra.